Libro caniza

Page 5

50 ANIVERSARIO FESTA

Benvida A Festa - Feira do Xamón de A Cañiza cumpre 50 anos. Unha longa traxectoria percorrida por un extraordinario grupo de homes e mulleres desta terra que puxeron a súa ilusión e empeño en ofrecer e dar a coñecer a turistas e visitantes o mellor de A Cañiza no que a gastronomía se refire: o noso xamón. E a súa perseveranza foi tal que hoxe os cañicenses temos o pracer de celebrar o seu 50 Aniversario. Toda unha honra que queremos compartir convosco, cos amigos e veciños, turistas e visitantes, emigrantes e estranxeiros sen cuxo apoio e participación non sería posible cumprir as nosas Vodas de Ouro. A todos benvidos. E benvidos tamén aos novos amigos que hoxe visitades A Cañiza e a nosa festa por primeira vez. Espero, en nome de todos os cañicenses, que vos levedes o mellor recordo desta Vila coñecida como “a Terra do bo xamón en Galicia”. Estou seguro de que os nosos hostaleiros e restauradores saberán atendervos con esmero e profesionalidade e que poñerán todo o seu empeño niso, do mesmo xeito que nós, desde o Concello, principal organizador das festas, poremos toda a nosa ilusión e traballo en conseguir organizar a mellor das edicións. Para conmemorar esta efeméride preparamos unha completa programación baixo o lema “Xamón de A Cañiza. 50 anos de Feira”, do 8 ao 15 de agosto, deseñada para satisfacer todos os gustos e dirixida a todos os públicos. Música e espectáculos, exposicións, conferencias, cursos de corte e obradoiros de xamón forman parte desta selecta programación que poderedes consultar na web www. caniza.org e nos folletos de man do verán cultural. Os actos oficiais forman parte tamén desta semana Grande que comezará coa inauguración e presentación oficial dos festexos da man da Directora Turismo de Galicia da Xunta de Galicia, Dona Nava Castro. A entrega de galardóns e recoñecemento aos fundadores e principais organizadores das festas e o acto de homenaxe á propia festa, co descubrimento dunha escultura alegórica realizada polo magnífico pintor e escultor cañicense Diego de Giráldez, son os actos oficiais máis importantes deste 50 Aniversario. Todo este programa culminará o propio 15 de agosto coa celebración da prestixiosa Festa-Feira do Xamón de A Cañiza no centenario emprazamento da Carballeira do Cacharado. Coa organización desta programación e actos oficiais esperamos estar á altura deste gran acontecemento.

O noso obxectivo para este 50 aniversario non é outro que ofrecer a mellor das festas e traballar para que todos os que nos visiten o 15 de agosto nos recorden con agarimo e volvan á Cañiza. Este é o noso reto. Se o conseguimos todo o esforzo e dedicación pagará a pena. Para rematar e tendo en conta que esta é unha festa gastronómica, que ten como principal protagonista a un dos produtos máis emblemáticos da nosa cociña, tomámonos a licenza de ofrecervos nesta publicación, un manual básico sobre todo o que debes saber sobre o xamón, historia, curiosidades e informacións que de seguro serán do teu interese e tamén unha guía de boas prácticas na que atoparás consellos e receitas que sen dúbida serán de gran utilidade na túa cociña. Así queremos contribuír a que coñezas mellor este produto de recoñecida fama. Un gran saúdo e benvidos de novo Miguel A. Domínguez Alfonso Alcalde do Concello de A Cañiza


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.