Page 1


CALES SON OS CAMBIOS MÁIS IMPORTANTES QUE SE PRETENDEN INTRODUCIR NA DIRECTIVA 2003/88/CE O tempo “inactivo” de atención continuada, durante o que o traballador permaneza no lugar de traballo a disposición do empresario (por exemplo o tempo de “inactividade” entre a atención a dous pacientes dunha médica nunha garda), non se terá en conta a efectos do cómputo dos períodos de descanso diario e semanal, nin para o cómputo das 48 horas de traballo máximo semanal obrigatorio, agás que se chegue a un acordo en sentido contrario. A nova Directiva, con carácter xeral, mantén o límite máximo de traballo obrigatorio semanal en 48 horas; sen embargo, permite que o cálculo das 48 horas se realice nun período de referencia de até 1 ano, (no Estatuto Marco son 6 meses), o que lles vai permitir que podan obrigarnos a realizar, en determinadas épocas, xornadas que soborden con moito as 48 horas semanais. Na súa nova redacción a Directiva permitirá que os descansos compensatorios podan concederse “nun período razoábel”, nun sentido claramente oposto ás posicións do Tribunal de Xustiza da Unión que esixe que os descansos compensatorios se concedan de xeito inmediato. Mantense e refórzase a cláusula “opt-out”, é dicir, a posibilidade de que un traballador a nivel individual, e ao marxe da negociación colectiva, decida “voluntariamente” superar o límite das 48 horas de traballo máximo semanais. Para aqueles traballadores que “voluntariamente” acepten a cláusula “optout”, serán posíbeis xornadas de traballo de até 65 horas semanais, cando o “período inactivo do tempo de dispoñibilidade” teña a consideración de “tempo de traballo”. Cando ese “período inactivo” non sexa considerado “tempo de traballo” o límite máximo de horas de traballo semanal se establece en 60 horas. O período de referencia para o cálculo desas 65 ou 60 horas será de até 3 meses, polo que en moitas circunstancias eses límites poderán ser claramente superados. A posibilidade de precarización dos contratos temporais é claramente reforzada. Nos contratos temporais de menos de 10 semanas os traballadores “poderán” acollerse a cláusula “opt-out” dentro das primeiras 4 semanas despois de asinar o contrato, e non serán de aplicación os límites de 65 ou 60 horas de traballo máximo semanal.


A nova redacción da Directiva, supón unha importante vitoria das forzas políticas europeas partidarias de “liberalizar” e “flexibilizar” o mercado de traballo da UE. Os cambios da Directiva aprobados polo Consello da Unión Europea non son aínda definitivos, debido a que o novo texto, antes de converterse en lexislación europea, debe ser aprobado tamén polo Parlamento Europeo, o outro órgano lexislativo da UE, elixido directamente polos cidadáns, quen o debaterá durante o último trimestre de 2008. Estes cambios afectarán a traballadores de moitos sectores; sen embargo, o sanitario será un dos sectores nos que eses cambios terán maior repercusión. É fundamental conseguir que o Europarlamento rexeite a proposta aprobada polo Consello o pasado 9 de xuño.

Neste momento de especial relevancia para o futuro das condicións laborais da sanidade galega, CIG-Saúde chama a todas as traballadoras e traballadores do sector sanitario, e as súas organizacións sindicais, a mobilizarse dun xeito activo e unitario para que fique ben claro: que as traballadoras e traballadores da sanidade de Galiza rexeitamos dun xeito unánime a retrógrada proposta do Consello da Unión Europea, que lle reclamamos ao Europarlamento que defenda os nosos dereitos laborais e se negue a aceptar a proposta de modificación da Directiva aprobada polo Consello, e que lles esiximos aos partidos políticos, aos gobernos galego e español, así como as administracións sanitarias, o seu compromiso de que no caso hipotético de que o Parlamento Europeo aprobe a proposta de modificación da Directiva que lle vai propoñer o Consello da UE, esta modificación non lles será nunca aplicada as traballadoras e traballadores galegos da sanidade.


Chuzalle a Directiva das 65 Horas  

Diptico contra a modificación da Directiva de Tempo de Traballo

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you