▌ REPORTAXES │ Vós que levade-la iaña... ▐
Vós que levade-la iaña... Por Xandre Outeiro Hai anos, cando comezaba as miñas modestas pescudas na música tradicional viva da contorna, lembro moi ben o abraio que me produciu o me atopar cunha das realizacións máis senlleiras e impactantes da nosa cultura tradicional: as informantes falábannos daquilo de “botar a iaña” no mes de abril, e explicaban con detalle aquel –para min, por aquel entón- misterioso “ritual”. E é que por moito “da aldea” que un sexa ou se sinta, sempre custa imaxinar aquel tempo –non tan afastado, por outra banda- no que nas nosas aldeas, inzadas de xente e mocidade, se desenvolvían realizacións culturais tan propias e espontáneas coma esta. Polo xeral, gusto de remarcar sempre que a nosa música tradicional goza inda de grande vigor, e que temos a grande sorte de que chegase até nós viva pese ao esmorecemento da sociedade rural tradicional na que se desenvolveu durante séculos, inda que a cadea de transmisión deses contidos fose durante o século XX un proceso bastante tortuoso e cheo de vicisitudes (léase interpretacións máis ou menos acertadas), que fixeron que fose necesaria a revisión case completa dos paradigmas reais da música tradicional. Por sorte, hoxe, contamos con moi bos traballos de investigación e divulgación que nos axudan a comprender mellor o contexto e a realidade mesma do que chamamos “música tradicional”. No caso da aña, cómpre salientar en primeiro lugar que o seu contexto orixinal está hoxe en día completamente desaparecido: a chegada das maquinarias para os traballos do campo fixo que cada vez fose menos necesaria a unión da colectividade para esta finalidade, polo menos ao nivel no que se desenvolvía noutro tempo.
Cantares das labradas As labradas e sachadas –coma outros laboreseran un duro traballo que só resultaba factíbel
72.
mediante o traballo mancomunado entre varias familias, ou incluso entre as familias de todo un lugar. É nese contexto concreto no que xorde un primeiro ítem musical relacionado directamente con eses traballos: os cantares “das labradas”, que eran botados mentres se sachaba ou labraba. A extensión destes cantares é moito maior –na documentación acadada hoxe- que a da propia aña: non só atoparemos referencias aos cantares das labradas en Mondariz, O Covelo ou Pazos de Borbén (epicentros estes, como veremos, do rito da aña), senón que inda atopamos informantes máis ao norte (Fornelos de Montes, A Lama e mesmo Cerdedo) e cara ao interior, xa en Ourense (Avión), inda que posiblemente, como digo, esteamos a falar dunha extensión moito maior, por ser estes uns cantares vencellados a un traballo concreto, e non tanto a unha zona ou área xeográfica.
Os desafíos Outra das realizacións pertencente a este mesmo “ciclo das labradas” é a que as informantes denominan “bota-la iaña”, e que consiste basicamente en cantar coplas a desafío percutindo con pedras nas sachas e leghóns, cara a outro bando que compite co primeiro en acabar de sachar os cabeceiros (que son as zonas da leira onde o arado non chega, por precisaren os bois un certo espazo para dar volta ao final de cada rego). Eis o que, para min, é o aspecto máis definitorio da aña, na súa acepción ampla: organízanse dous bandos que comezan a labrar os cabeceiros, antes de o arado comezar a labrar –sendo se cadra ese o motivo polo que se establece a competición: facer este traballo o máis rapidamente posíbel para que a xunta de bois poida comezar a labrar canto antes-. O bando que primeiro remata “gaña” unha sorte de dereito a increpar e alentar ao outro bando boureando con pedras nos leghóns e botándolles coplas “a desafío”: