Aturuxo 19

Page 68

▌ REPORTAXES │ O bailar de Grixoa ▐

unha xota cunha melodía idéntica á doutra xota que eu recollín en Barro de Arén, no concello de Cerdedo e que foi recollida por outras persoas ademais de por min, e que di así:

Cando saín de Soutelo os meus ollos eran fontes adeus monte de Soutelo adeus Soutelo de Montes

Podedes escoitar esta copla na voz da propia Erminda e das compoñentes de Leilía no primeiro Cd que o grupo publicou no 1994. Pero non só temos aquí un posible influxo da Terra de Montes. Vese que Grixoa era unha zona de paso, pola que transitaban persoas doutros lugares de Galicia, e como é habitual, o folclore vai collendo duns e doutros. Así, Erminda cantábanos unha muiñeira cunha estrutura diferente ás outras que interpretaban no lugar, xa que esta ten unha volta que as oriúndas non tiñan, e que ela contaba que lla aprenderan unhas mozas de Carballo. Cando canta esa muiñeira, case sempre comeza con esta copla:

Viva Rus viva Carballo viva Rus viva Carballo i tamén quiero que viva la tierra donde me hallo

Hai unha peculiaridade máis desta zona, na que non vou afondar moito xa que foi o tema do relatorio de Carlos Xosé Vidal. Trátase da muiñeira na que baila un home acompañado de sete mulleres. Anxo Martínez San Martín tena documentada en Santiago de Compostela, Lestedo e Zas. Eu escoitei falar dela en Brión, Ames, Val do Dubra, Teo e Grixoa. Case todos os informantes cos que falei, salvo un señor de Brión que si a chegou a bailar, comentaban que sabían dela polo que lles contaban os seus maiores, pero que eles nin o practicaron nin chegaron en moitos dos casos nin a tan sequera a vela. Este é o caso de Isolino e Erminda e do resto dos nosos informantes de Grixoa, foron os seus avós os que a bailaban e na recollida que fixo Xalgarete fan unha representación do que podería ter sido ese baile dun home e sete mulleres. Algúns informantes din que se facía no adro da igrexa o día da festa como algo especial, outros non lle dan esa importancia. Aquí temos informacións contraditorias, como acontece moitas veces, pero o feito certo é que existiu esta muiñeira tan peculiar. Remato este pequeno artigo agradecendo á Asociación de Gaiteiros Galegos que leve a cabo este tipo de iniciativas que fan posible puntos de encontro onde os que amamos o baile tradicional galego podemos ter un foro no que intercambiar as nosas informacións, dúbidas e conxecturas. E como non, agradecer de corazón a todos aqueles informantes que nos transmitiron o seu saber popular e que puxeron o seu gran de area para que o noso pasado non se perdera totalmente.

Erminda Miramontes e Montse Rivera, 13.02.2020

68.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.
Aturuxo 19 by agg.gal - Issuu