Queremos compartir este audio-libro, no que grazas a Agareso, ao fotógrafo Emerson Díaz e ás xornalistas Carmen Novas, Laura L. Ruíz e Susana Alvite podemos achegarnos á vida, ao día a día, da xente do Bajo Lempa, ver e ouvir como se traballa desde o cotiá para construír o futuro. As historias de vida de Chandi e Dona Luci reflicten a de tantas mulleres e homes que fan da actividade pesqueira ou marisqueira o seu principal medio de vida. Cada tartaruga liberada supón un paso máis cara a conservación da especie, as voces concienciadas das e dos escolares certifican o compromiso co futuro e as verbas das persoas beneficiarias son voces de loita e rebeldía contra o conformismo.