Issuu on Google+

COMENTARIO CRÍTICO Outubro de 2013


HOME. 2009. YANN ARTHUS-BERTRAND

Home, ou a outra faciana do consumismo. O mítico fotógrafo Yann ArthusBertrand analiza mediante as súas fotos aéreas historia do noso planeta: da conformación da paisaxe á aparición da nosa especie e dos dous puntos de inflexión que o noso devalar tivo na superficie terrestre: a aparición da agricultura e a Revolución Industrial. Un paseniño carreiro de descuberta do territorio, que cataliza a súa velocidade de súpeto coa aparición do petróleo, co que emerxe o consumo: o consumo de materias primas, a transformación da paisaxe, a construción vertical, o progreso...pero todo ten unha esquecida cara B. Dun xeito visual o fotógrafo francés plasma o qué Yves Lacoste e David Harvey teorizaran 30 anos antes: se hai lugares enriquecidos (que non ricos) é porque hai lugares pobres (que non empobrecidos) e viceversa, por suposto. Mentres dentro do noso minifundio consumista occidental loitamos por poderosos postos de traballo no sector cuaternario, unha cuarta parte do mundo pouco pode mais ca tentar sobrevivir nun precario primario. Para o benestar material dunha cuarta parte do Mundo fixo falla devastar a metade deste, coma nunha sorte brutal de efecto bolboreta, no que mercarmos unha prenda de marca en Nova York (como subxace no inicio) provoca un efecto dominó que remata nun asentamento de infravivendas en Lagos do que é imposíbel liscar coma nunha escravitude moderna. Toda unha voráxine destrutiva da que nós, na nosa apartheid para ricos, tampouco podemos fuxir (coma os caribús do Ártico que corren desesperados por moreas de area que quedan do desxeo, coma nunha enorme mostra gráfica da deserficación) xa que os efectos Cambio Climático chegan a todos, pero mesmo aí hai clases: os efectos son devastadores nos lugares que xa están empobrecidos, especialmente naqueles que inzan as beiras chás litorais, en breve asolagados pola suba do mar.


Pero tamén, aínda que escasamente, este documental deixa espazo para a esperanza: cara modelos que priman a educación, a investigación, cara novos xeitos de entender o territorio, cara un grande cambio global. Unha anécdota, que permite un respiro, dentro dun grande mar de desasosego propio e colectivo da nosa conciencia e consciencia, na que nos afunde esta obra e que nos fai reflexionar sobre a necesidade dun cambio. AFONSO LEAL GARCÍA. 1º DE GIAT. OUTUBRO DE 2013


COMENTARIO CRÍTICO. HOME