Issuu on Google+


Xunta de Galicia Presidente Alberto Núñez Feijóo Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Román Rodríguez González Secretario Xeral de Cultura Anxo M. Lorenzo Suárez Directora Xeral de Patrimonio Cultural María del Carmen Martínez Ínsua Exposición Comisario Victor Manuel Castro Carballal Coordinación e documentación Victor Manuel Castro Carballal Biblioteca Rosa Lamas Casado Restauración María José Ruíz Vázquez Sara Costa Muñoz Deseño e montaxe Copias de Autor

Catálogo Dirección César Llana Textos Victor Manuel Castro Carballal María José Ruíz Vázquez Sara Costa Muñoz Fotografía Fondo museográfico © Santiago Míguez Amil Procesos de restauración © Museo Etnolóxico. Ribadavia Ilustracións do texto © Hércules de Ediciones © Marqués de Santa María del Villar. Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense © Miguel Piñeiro © Mila Rodero. Museo Etnolóxico. Ribadavia © Pablo González © Santiago Míguez Amil Deseño e maquetación A&B Comunicación e Deseño Impresión Rodi Artes Gráficas D.L.: OU 234-2016 ISBN: 978-84-453-5237-3


A

P E S C A

F L U V I A L

a través da colección do Museo Etnolóxico


ÍNDICE 9

10

Presentación Román Rodríguez González Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Limiar César Llana Dirección. Museo Etnolóxico A pesca fluvial a través da colección do Museo Etnolóxico Victor Manuel Castro Carballal

13 13 17 19 19 33 37 42

1. Introdución 2. Apuntamentos históricos e agresións 3. Economía e sociedade 4. Artes ou aparellos presentes na colección do Museo Etnolóxico 4.1. Artes naseiras 4.2. Artes redeiras 4.3. Embarcacións 4.4. Artes de liña Restauración das pezas para a exposición A pesca fluvial a través da colección do Museo Etnolóxico María José Ruiz Vázquez Sara Costa Muñoz

62

1. Consideracións previas

65 65 66 66 68 69 70 70 71 72

2. Proceso de restauración

77

Bibliografía

2.1. Nasas, nasón e cesta 2.1.1. Descrición 2.1.2. Estado de conservación 2.1.3. Intervención 2.2. Voitirón e bogueira 2.2.1. Descrición 2.2.2. Estado de conservación 2.2.3. Intervención 3. Aspectos expositivos


P R E S E N TA C I Ó N

O Museo Etnolóxico. Ribadavia publica a súa interesante colección relacionada coa pesca fluvial. É un punto e seguido no traballo do centro, unha meta acadada tras os traballos de catalogación e tratamento das pezas que son postas á disposición da cidadanía para o seu coñecemento e gozo. Porén, nas páxinas que seguen, amais de dar a coñecer os bens da pesca do fondo do Museo, os autores convídannos a percorrer a evolución acaecida nas prácticas piscatorias, como a introdución de novas materias primas na elaboración dos aparellos empregados ou o paso do troiteiro á pesca deportiva. E tamén nos falan das permanencias, como o emprego, certamente renovado, dos voitiróns na pesca da lamprea polos baleiros do Ulla. Publicación que complementa a exposición feita con estes fondos que é un motivo de satisfacción para o equipo que ten traballado nela: persoal téc-

nico, fotógrafos, deseñadores, montadores... Cadaquen achegando o seu saber e experiencia para poñer en valor este conxunto patrimonial integrado na colección do centro. Para a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, á vez que cumpre coa súa función de facilitar á cidadanía o acceso aos bens culturais custodiados nos museos que xestiona, constitúe un motivo de agrado este novo resultado do labor desenvolvido polo activo e entusiasta cadro de persoal do Museo Etnolóxico. Ribadavia.

Román Rodríguez González Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria 9


L I M I A R

A elaboración dun catálogo serve para reflexionar acerca dun tema, neste caso a pesca fluvial, para revisar o estado de conservación dos bens que integran o fondo, para tomar conciencia das lagoas e tamén ás veces, como é felizmente o caso, elaborar un discurso cos bens elixidos e mostralo á cidadanía a través dunha exposición. Un traballo no que intervén o cadro de persoal do Museo: identificando e documentando, intervindo para acadar o mellor estado de conservación posible, buscando imaxes e textos acaídos ao relato a desenvolver; estudando o mellor modo de expoñer pezas con problemas de fraxilidade, ou que esixen coidados pola súa sensibilidade á luz, á temperatura... Mesmo é necesario contrastar a lectura que se pretende coa información proporcionada nun texto ou nunha imaxe, co grao de accesibilidade que é razoable en función das características intrínsecas de cada unha das pezas a expoñer. Toda unha serie de quefaceres a explicitar, contrastar e coordinar para acadar o punto de equilibrio entre o ideal para 10

difundir a mensaxe e as limitacións impostas polas necesidades de conservación e protección dos bens. Unha vez elaborado o discurso e razoabelmente asegurada a salvagarda das pezas é necesario convir a montaxe, buscando de novo o punto de encontro entre o deseñador, os responsables da conservación preventiva e a ideación que ten feita o técnico responsable: o comisario. Resoltas as diferenzas, a mostra é unha realidade ao dispor do público a quen compete en última instancia opinar, criticar e ata xulgar se o discurso é lexible e ten consistencia. A axudar nisto último pretende contribuír este catálogo no que se presentan algúns dos aspectos que invitan a unha lectura sucinta das permanencias e as transformacións que foron acaecendo na pesca fluvial, no modo e ata onde nos permiten os fondos do Museo Etnolóxico. César Llana Dirección. Museo Etnolóxico


A P E S CA F L U V I A L A T R AV É S DA C O L E C C I Ó N D O M U S E O E T N O L Ó X I C O Victor Manuel Castro Carballal

1. Introdución A definición achegada por Otero Pedrayo de Galicia como o país dos mil ríos e recollida de xeito hiperbólico por Álvaro Cunqueiro, cando fala do país dos dez mil ríos, agocha unha realidade de máis de trinta mil quilómetros lineais de cursos fluviais. Suficientes, para facernos unha idea da relevancia da actividade pesqueira e da importancia da rede hidrográfica como xeradora de cultura. A pesar disto, resulta sorprendente, ou cando menos curioso, que non fora merecedora dun estudo profundo e global. As aproximacións ao fenómeno coinciden na súa parcialidade, centrándose nunha época histórica determinada, nun río ou tramo analizado, nunhas artes concretas ou nun marco xeográfico puntual. O Museo Etnolóxico. Ribadavia ten entre o seu fondo moble algunhas pezas, recompiladas ao longo da traxectoria da institución, directamente vinculadas coa actividade. É a da pesca fluvial unha colección aberta, predisposta e susceptible de ser incrementada con novas adquisicións, sobre as que se está a traballar na actualidade. Coidamos que o carácter aberto non pode estar ligado co inmobilismo, polo que damos un paso adiante, presentando a exposi-

ción que nos ocupa. O título: A pesca fluvial a través da colección do Museo Etnolóxico, é de por si definitorio e revelador, concibindo a mostra coma unha contribución máis ao universo ao que nos acercamos, partindo das posibilidades comunicativas dos bens custodiados e apoiada no prolífico fondo documental co que o centro conta. Nasas, redes, embarcacións e artes de liña, soportan o discurso, complementado de maneira puntual por fotografías. Pretendemos achegar ao público técnicas e maneiras de proceder e, á vez, establecer un foro de reflexión sobre as mudanzas e afeccións sufridas pola pesca fluvial, poñendo especial énfase no s. XX. 2. Apuntamentos históricos e agresións Os vestixios arqueolóxicos atopados en Galicia, tales coma restos de anzois e pesos de rede, retrotraen a pesca fluvial uns 2000 anos no tempo, ao abeiro da denominada Cultura Castrexa. Se ben é certo que podemos concluír, case que con total seguridade, que a actividade se levou a cabo en etapas previas, tamén o é que, ao día de hoxe, carecemos de evidencias arqueolóxicas capaces de testemuñalo. 13


Durante a Idade Media (ss. V-XV) a pesca en augas interiores vai coñecer a súa época de maior apoxeo, da man do cristianismo e das ordes relixiosas. Estudosos que se ocuparon deste período, caso de Elisa Ferreira Priegue (1998), constatan a estreita relación existente entre o desenvolvemento e a organización da pesca fluvial e o señorío monástico. A mesma autora acuña o concepto de “pesca-colleita”, baseada en métodos pouco sutís que buscan a máxima produtividade. A pesca afastarase de calquera connotación artística ou deportiva, proliferando as redes, nasas e en moita menor medida o emprego da cana. Trátase de obter a maior cantidade de proteína posible co fin de abastecer ás comunidades de terra dentro, que debían cumprir ademais con certos preceptos relixiosos que promulgaban a prohibición da inxestión de carne en determinadas épocas do ano (abstinencia Coresmal). Será pois, nesta época, cando monxes bieitos e cistercienses fomenten a implantación de pesqueiras, naseiros e caneiros nos cursos fluviais e masas de auga interiores. A partir do s. XIII a Igrexa comeza a aforar estas instalacións, recibindo as rendas correspondentes en moeda ou en especie. Na Idade Moderna continúa o sistema de aforamento, perdendo paulatinamente hexemonía a postura da Igrexa, proceso que rematará no século XIX coa desamortización de Mendizábal e coa posterior redención foral, promulgada durante a ditadura de Primo de Rivera, xa no s. XX (1926). Os dous últimos terzos do s. XX, cronoloxía na que podemos enmarcar a maior parte de obxectos e artes que integran a exposición, van estar caracterizados por unha serie de alteracións medio ambientais e lexislativas de fatais consecuencias para a pesca tradicional. Entre as principais agresións ao medio estarían: 14

- Interrupción do curso fluvial mediante o implemento de barreiras artificiais, insalvables para a fauna piscícola migratoria. A política “desarrollista” iniciada polos gobernos franquistas nos anos cincuenta do s. XX, impulsou a construción de grandes encoros, que se verán continuados na etapa democrática por obras de menor entidade, pero igualmente agresivas co medio. Falamos das minicentrais hidroeléctricas. O dano infrinxido aos ríos, baixo o pretexto da obtención dunha enerxía limpa e renovable é enorme, podendo afirmar que en doce dos principais cursos de Galicia non se acadan os corenta quilómetros de lonxitude accesible, algo que a lexislación medio ambiental non parece quen de emendar a día de hoxe. - Contaminación derivada das augas residuais e dos novos usos industriais, agrícolas e gandeiros. O crecemento e despegue urbanístico, que en Galicia debemos retrotraer á década dos sesenta do pasado século, prolongándose ata a actualidade, non camiñou, nin camiña parello dun sistema óptimo e eficaz de saneamento e depuración das augas residuais. A industria é a responsable de numerosos verquidos contaminantes. A agricultura e a gandería intensiva empregan produtos certamente perniciosos, caso dos herbicidas ou dos fertilizantes químicos. Á súa vez xeran gran cantidade de residuos, coma os xurros, rematando nas augas fluviais con consecuencias nefastas. - Extracción de áridos, estragando o leito dos ríos. - Abandono do rural, que provoca o descoido das marxes fluviais. Neste aspecto cómpre mencionar os apuntamentos de Alejandro Güimil Fariña (2006), quen defende que o desleixo dos muíños hidráulicos tradicionais inflúe directamente no empobrecemento do ecosistema fluvial, por entender que os restos de fariña que acababan no río e os insectos que se aglutinaban entorno ao gran, supuñan unha fonte de


alimento adicional que redundaría nunha maior abundancia de peixe. - Os incendios forestais. A choiva posterior aos lumes arrastra a cinsa contaminante froito da combustión, que deste xeito vai parar ao río. - Introdución de especies foráneas, algunhas delas cuns altos índices de predación sobre as autóctonas. Entre as oriúndas figuran os salmónidos: a troita, o reo e o salmón; os ciprínidos: a boga, o peixe, o escalo, a vermelliña, o espiñento e a loina; especies de estuario: muxo, barbela, sábalo, saboga, solla, robaliza e pión, e outras especies coma o barbo, a tenca, a lamprea e a anguía. No catálogo de especies invasoras estarían a troita arco iris, o “piscardo”, o gobio, o “pachorro”, a carpa, a “gambusia”, o cangrexo vermello americano, o cangrexo sinal e a perca negra americana ou “black-bass”. Ao mesmo tempo debemos facer constar certos preceptos lexislativos que afectan a artes ou aparellos, ás propias especies, horarios, cotas, dimensións mínimas, vedados e ás zonas practicables, etc. Mantéñense, sometidas a un estrito control e regulamentación as pesqueiras tradicionais, ou de interese etnográfico, da lamprea nos ríos Ulla (baleiros e pesqueiras), Miño (pesqueiras), Tea (estacadas); e da anguía no Miño (caneiros radicados nos concellos lucenses de Portomarín, O Páramo, Paradela e Guntín). Nasas móbiles e redes están totalmente prohibidas e as embarcacións e artefactos flotantes só poden empregarse nas zonas de desembocadura e nas masas de auga expresamente autorizadas pola administración autonómica. A pesca con cana virará cara unha orientación claramente deportiva e ferreamente regulamentada. Ademais das agresións “esóxenas” nas que nos

acabamos de deter, non sería de recibo pasar por alto aqueloutras infrinxidas polos propios ribeiráns1, e que parecen unha constante moi espallada que se repite ao longo da historia. Estamos a falar do que algúns autores denominan de forma eufemística “picaresca”, optando outros polo termo “malas artes”, que en realidade agochan actos de furtivismo e delitos ecolóxicos. Dous factores xogan un papel fundamental na implantación e mantemento destas prácticas: por un lado, a busca de resultados inmediatos, minimizando o esforzo ou tomando atallos e, polo outro, a livián e pexorativa concepción que do público teñen algúns. O abano deste tipo de prácticas é amplo e deducimos que estivo moi estendido, a xulgar polas referencias directas que se suceden na lexislación e nos inventarios. Xa no século XIII, no código dado por Alfonso X para Santiago enunciábase: “Otrossi mando que nengun onme eche yerbas nin cal nin otras cosas nengunas en las aguas con que muera el pescado”. No s. XVIII unha Real Cédula de Carlos III prohibía terminantemente a pesca con “ingredientes ponzoñosos”. A lei de pesca fluvial do reinado de Alfonso XIII recolle no artigo 53 que: “Ni en las aguas de dominio público, ni en las del privado que comuniquen con aquellas ... podrá emplearse ni arrojarse en ellas explosivos, como la dinamita, o substancias, como el cloruro de cal, beleño, coca, gordolobo, torvisco u otras que sean nocivas para los peces y que maten la pesca o alteren las condiciones normales de las aguas, facilitando la captura de aquellos”. En 1912 Alfredo García Ramos, na súa Arqueología Jurídico-Consuetudinaria-Económica de la región gallega, fai a seguinte anotación: “gran riqueza contaba Galicia con la fauna fluvial: salmones, anguilas y lam-

1. Nótese que non falamos de pescantíns e troiteiros, dado que moitas veces as agresións estarán proferidas por xente allea ao colectivo 15


preas, sábalos y truchas van despareciendo, porque la ambición, el anhelo de pescar con poco trabajo y escaso riesgo y el menosprecio de todos hacia la ley han postergado las buenas artes de la pesca y ha surgido el uso y el abuso de la dinamita y el cloruro de cal”. As medidas restrictivas continúan no tempo, atopándonos na lei de pesca fluvial do ano 1942 as mesmas constantes; así, no seu artigo 26 prohibe a dinamita e materiais explosivos, o emprego de substancias químicas que ao contacto coa auga produzan explosións e de toda substancia velenosa para os peixes e desosixenadora da auga (trobisco, verbasco, cicuta, beleño, coca, cloruro de cal, cal viva, carburo de calcio, etc). Chegamos así á lei autonómica de 1992, na que se prolongan os mesmos argumentos: prohibición de calquera material explosivo ou substancia que ao contacto coa auga produza explosión e de toda substancia velenosa ou desosixenadora das augas. Como novidade, figura a prohibición da pesca con enerxía eléctrica, que comezará a gozar de certa difusión a partir do terceiro cuarto do s. XX. Mesmo se dá un paso máis ao prohibir no seu artigo 10 a comercialización de troita salvaxe, ao tempo que tamén regula o comercio de salmóns e reos. Como se deduce, os actos fraudulentos mantéñense diacronicamente, chegando desafortunadamente aos nosos días. Resulta clarificador o artigo de Ramón Vilar (2016) do que transcribimos parte: “Naquel arranque dos 80, o tabaco da ría circulaba coa mesma normalidade que as botellas de xenebra ou os phoskitos (...) Paralelamente (...) na comarca de Ordes estábamos especializados noutro tipo de contrabando: o piscícola. Eran tempos dourados para o furtivismo. Por todas as parroquias había grupos, que

con nocturnidade e aleivosía, esquilmaban ríos e regatos. A impunidade era norma. Moito do produto acababa en esmorgas, mais tamén había quen fixera daquela un xeito de vida. As troitas vendíanse en restaurantes ou como moeda de cambio para pagar favores...” Recollemos a continuación os fundamentais xeitos de proceder en Galicia, deixando á marxe comportamentos furtivos coma o emprego de artes prohibidas ou pouco éticas: redes, espetos (coñecidos coma ganchos, mortos ou “volantíns”), “jarraspillos”, francadas, etc , para centrarnos nos máis daniños: - Secas e desvíos artificiais de cursos. - Emprego do froito do menisperno, coñecido coma “coca” ou “coca de Levante”, que tras a inxestión modificaba o comportamento do peixe, facilitando as capturas. As propiedades alucinóxenas das bagas da planta explican os testemuños que falan de “peixes que se puñan coma tolos e incluso arrimaban ás beiras, colléndose facilmente” ou de “peixes que se volvían loucos e se botaban ao seco”. Trátase dunha planta foránea, procedente do sur este asiático (India oriental). Sobre a súa adquisición as fontes son un tanto contraditorias, sostendo unhas que a súa presencia era habitual en establecementos comerciais, mentres outras a relacionan cos fluxos contrabandísticos. A presenza colonial de Portugal nas Indias, podería estar detrás deste último vínculo. Vénse empregando con fins piscatorios en Europa dende o s. XVI. O froito, semellante aos grans de café, esmagábase ou moíase, para a continuación misturalo con diferentes cebos. Existen múltiples receitas para aplicar a coca, case tantas coma comunidades ribeirenses, máis ou menos elaboradas2.

2. Po de coca misturado con pan de centeo e miñocas, con miñocas e polvo de tabaco, con pan vello, con cabichas ou con pementa picante. Máis complexidade revestía o “pan de coca” (po de coca misturado con fariña de millo e cocido a continuación). Con este “pan” íanse cebando tramos de río repartindo porcións cada poucos metros 16


- Outros vexetais de uso frecuente foron a raíz do trobisco esmagada, o verbasco ou chopo, a ruda esmagada e misturada con cinsa e excrementos de galiña, o cascamelo ou herba das troitas esmagada e metida nun saco que se retorcía no curso, as ramas da cicuta ou pirixel de río esmagadas e as cascas verdes das noces. - Explosivos. Entre a gama de explosivos manexada destacaremos en primeiro lugar as bombas de palenque. A continuación detémonos no emprego do carburo de calcio, que reacciona coa auga producindo gas acetileno, moi difundido para alimentar os candís ou luces de carburo antes de que a enerxía eléctrica chegara ás nosas vidas. A maneira de operar máis difundida en Galicia foi introducir o carburo nas botellas de gasosa que pechaban por bóla de vidro, arroxándoas á auga prendidas a unha pedra ou peso. O contacto do líquido elemento co carburo xeraba acetileno, gas que empurraba a bóla ao pescozo do envase e que, ao acumularse no interior, explotaba. O mesmo proceder tense empregado substituíndo o carburo por cal viva. Por último, cómpre falar dos cartuchos de dinamita, que a pesar do que pode parecer eran bastante accesibles e de circulación frecuente. Presentamos, por clarificador, un fragmento dun artigo asinado por Roi Fernández (2012): “…ao máis puro estilo do Oeste americano, colocábase un pistón ou detonador dentro do cartucho. Despois poñíase unha mecha curta dentro do pistón, apertábase cos dentes para dobrar o metal e amarrala ben, e logo dende unha rocha da beira ou dende as pólas dun ameneiro sobre o río, controlábase a troita, o salmón ou o banco de peixe. Só quedaba acender a mecha e calcular un tempo para que non se chegase a mollar moito”. - Produtos químicos. Neste grupo estarían o cal, o sulfato, o cloruro en pedra ou en po, cemento ou lixivia.

- Electricidade. Tense empregado a dínamo dunha bicicleta, a batería dun coche e, os máis ousados, mesmo as liñas eléctricas que discorren próximas ao río. 3. Economía e sociedade A pesca fluvial como actividade económica sempre tivo un carácter secundario, subordinada á agricultura e á gandería, a diferencia da pesca marítima ou oceánica. Non obstante, dentro dela, distinguimos comunidades cun maior grao de profesionalismo, en función da riqueza piscícola dos cursos fluviais nos que se asentan. Aínda que toda ou a maior parte da rede hidrográfica galega foi explotada, a posición hexemónica vana ocupar as áreas polas que discorren os grandes ríos galegos: Miño, Sil, Ulla e Tambre. Non sería xusto obviar o resto de afluentes e regatos, que en moitas ocasións se amosan fecundos en particularidades e xeitos de proceder. Denominaremos “pescantíns” a eses protagonistas máis especializados, que aparcan temporalmente as súas obrigas agropecuarias para tratar de roubarlle ao río algún dos seus cobizados froitos. Froitos cos que complementar as súas rendas, valéndose de artes e medios cun marcado carácter extractivo: nasas, redes e embarcacións. Traballan na época da pesca (primavera e verán, cando as especies remataron o ciclo reprodutivo) e é frecuente que se asocien en número de dous, compartindo barca e aparellos para aminorar custos, práctica asociativa moi recorrente tamén no sector agrícola ao que pertencen. O pico ou momento álxido da demanda coincidía coas festividades estivais. Optamos polo termo “troiteiro” para referírmonos ao pescador de cana, que se achegará ao río movido por razóns menos cuantitativas, que detallaremos máis adiante. 17


Tal e como defende Lois Ladra (2009), lexislación e agresións, nas que nos detivemos con anterioridade, intégranse nun corpus de mudanzas que atinxen ás economías de tradición precapitalista, afogando á cultura etnoictiolóxica. Podemos concluír que a pesca en augas interiores, salvo contadas excepcións, virou para pasar a formar parte do tramado da economía do ocio das sociedades postindustriais, deixando de ser unha fonte de alimento e ingresos. Do enfrontamento pesca tradicional contra pesca deportiva, semella saír claramente vencedora a segunda modalidade, laiándose certas voces desta derrota. Unha delas é a do cronista Borobó. Facémonos eco dalgún fragmento dos seus escritos3: “La pesca en el río Ulla no es precisamente un deporte. No se mira al río como un lugar de diversión, de solaz, de enredo. Cuando todos los caminos se cierran, cuando se agosta el maíz, la helada destruye la patata, o la peste al cerdo, se mira con esperanza al río: … soñando con lampreas, fantaseando con salmones”. Noutro escrito, postúlase claramente a favor dos ribeiráns, ao soster “...triunfa el deporte, no queda maíz en los hórreos, ni pinos para cortar, pero vienen de la ciudad pescadores de fin de semana, empuñando esas canas…” Coma sucede noutras tantas actividades, a participación da muller vai estar escasamente reflectida, pasando en moitas ocasións desapercibida, até a súa incorporación á pesca deportiva no derradeiro cuarto do s. XX. A muller era a encargada de limpar e preparar as capturas para a súa venda. Desprazábase co produto co fin de satisfacer a demanda das poboacións veciñas, abarcando un radio considerable. Nalgunha bibliografía contémplanse catro ou cinco quilómetros, distancia que ao noso parecer peca de conservado3. Extraídos de E. X. Ínsua (2006) 4. Conclusións extraídas da obra de X. R. Mariño Ferro (2000) 18

ra, debendo de multiplicala por dous ou por tres se nos referimos por exemplo ás “patifas” do Ulla. Eliseo Alonso (1989) subliña que a principios do s. XX as mulleres hábiles co remo participaban nas quebradas do “alxerife”. Este mesmo autor apunta que tamén puideron intervir no tecido dos voitiróns, e deixa constancia do rexeitamento e discriminación ao que se vían sometidas as menstruantes, que se mantiñan o máis afastadas posibles por consideralas de mal agoiro. Este fenómeno resposta a unha concepción simbólica do Ben e do Mal, enfrontándose ambas a través de diversas oposicións binarias. Nunha sociedade eminentemente machista coma a tradicional, na oposición ou enfrontamento home/muller o papel positivo recaeu no home, concepción apoiada en textos bíblicos e na tradición cristián4. No tramo medio do río Sar, na comarca da Mahía, documéntase unha práctica interesante de pesca de anguía con cana, coñecida coma “miñocada”. Unha pesca nocturna practicada nos meses primaverais e estivais, que coincidían co plantado dos tallóns para autoconsumo e co arrendado dos cultivos, dos que habitualmente se ocupaba a muller. Ao preparar o solo e mover a terra recollía as miñocas de maior tamaño (refírense a elas coma “miñocóns”) que depositaba nun bote ou lata. Cara a noitiña, enfiaba unha agulla nun segmento de sedela e unha a unha ía pasando o cebo para tecer un novelo. Elixíanse días de bochorno ou trono, apracibles pero que anticipaban tormenta, por entender que as anguías estaban máis activas. Cando o consorte chegaba a casa tras a xornada laboral, despois de cear, collían un sistema de iluminación (candil de gas ou carburo, posteriormente “luces de pilas”) a cana, a “miñocada” e un paraugas que portaba a muller. Era frecuente que coincidiran


varias parellas novas, nun ton lúdico, sen máis pretensión que socializar e coller as capturas precisas para gozar dunha empanada ao día seguinte. Chegados ao pozo ou postura somerxíase a “miñocada”, sucedéndose as picadas. A anguía traba o novelo de miñocas prendéndose nel e é entón cando a muller abre o paraugas, dispoñéndoo en posición invertida para recibir a escorregadiza presa. Á mañá seguinte limpábanas, axudándose do poder abrasivo das follas de figueira para eliminar o limo que as cobre.

ñeiro e carballo novo eran as madeiras predilectas á hora de tecelas, podendo intervir outras tales coma o sanguiño, o salgueiro ou o codeso.

4. Artes ou aparellos e embarcacións presentes nas coleccións do Museo Etnolóxico 4.1. Artes naseiras Pasan por ser as máis antigas, cuxa materia prima sería en orixe estritamente natural. Co paso do tempo reciben certos engadidos industriais. Nasas de madeira ou cestería e nasas de rede As primeiras, elaboradas integramente a base de materia vexetal, destinadas á pesca da anguía, especie migratoria (anódroma) en recesión, vedada a día de hoxe en todas as augas continentais da Comunidade e en todas as fases do seu ciclo vital, a excepción dos casos que sinalamos ao abordar os preceptos legais. Enmárcanse no grupo da cestería de madeira fendida, a variedade máis profesional do oficio, aínda que nunca foron elaboradas por cesteiros. Da súa factura ocupáronse os ribeiráns, aproveitando os momentos de lecer ou de menos carga laboral, de acordo coas obrigas impostas polo ciclo e o calendario agrícola. Sempre para uso propio, sen comercializalas. Moi difundidas no Miño ourensán (zona de Ribadavia ou Cortegada) e no Sil (Ribeira Sacra). Casti19


NASA INVENTARIO: 196 CLASIFICACIÓN XENÉRICA: Pesca fluvial OBXECTO: Nasa MATERIA: Madeira TÉCNICA: Produción artesanal DIMENSIÓNS: Diámetro = 16,5 cm; Longo = 64 cm DESCRICIÓN: Útil de forma tubular, alongado, con dous engrosamentos no corpo e aberto polos extremos (a boca de maior diámetro que o extremo posterior, coñecido popularmente coma “cu”). A estrutura realízase a base de vergas e componse dunha serie de tiras lonxitudinais (“estoiras”) sobre as que se articulan outras de menor tamaño que a cerran (“tezume”). Interiormente, a boca, tras un estrangulamento, da paso a un compartimento (o bozo) realizado a partir dunha forma e cerrado por cinco vergas aguzadas, que reciben o nome de agullas ou palletas, rematadas en punta. USO/FUNCIÓN: Empregada para a pesca de anguías. O primeiro paso sería proceder ao cebado da nasa, que en orixe estivo moi condicionado por factores climáticos e xeomorfolóxicos. O cebo disponse no compartimento posterior ou “cu”, pechándoo acto seguido con materia vexetal ou cunha rolla de cortiza. Empregábanse de xeito estacional a miñoca, a lesma, moluscos fluviais, e posteriormente a carne ou vísceras animais. Hai quen opina que detrás do emprego destes restos estaría a implantación de matadoiros e industrias de procesado cárnico, que verten no curso fluvial, pero o certo é que o acto tan insalubre coma incívico de desfacerse dos cadáveres animais valéndose do río foi un feito bastante común. A experiencia e a observación farían o resto, ao comprobar o gus20

to de determinadas especies polos corpos inertes en descomposición. As técnicas para cebar son múltiples e variadas, optando cada pescantín pola súa propia fórmula. Ou ben se ceba en abundancia e se deixa a carnada exenta, ou ben, se pode optar por ensartar a miñoca ou lesma nunha herba ou pequeno pau, ou tecer un receptáculo de materia vexetal para conter a carnada, co fin de que a captura entrante non a inxira e poida seguir atraendo outras. Coas artes cebadas procédese a colocalas no río, operación coñecida coma “armar”. Pode “armarse” a pé ou dende embarcación, optando polas derradeiras luces do día para erguelas pola mañá. Chegábanse a largar grupos de corenta ou cincuenta nasas, sempre coa boca orientada cara a corrente. Cando se procede de pé o pescantín métese na auga, que pode superarlle a cintura, acomodando as nasas no leito e fixándoas a el mediante pedras que collía nas marxes. Cando o caudal ou a profundidade non permiten operar deste xeito, óptase por recorrer á embarcación, collendo a nasa cunha estaca provista dun gancho no extremo para afondala. De novo precísase empregar algún tipo de peso para asegurar a arte, empregando as pedras ou “muleiras”, amarradas ao pescozo da nasa. Este sistema leva parello o marcado, sinalando a súa posición por medio dun fragmento de cortiza prendido a un cordel fixado á arte, ou por unha vara longa espetada ao seu carón. Ao entrar o peixe pola boca, atraído polo cebo, empurra ou dilata as agullas do bozo, que volven a pecharse ao ceder a presión exercida polo corpo da anguía, quedando esta presa. Só falta extraer a materia vexetal ou a rolla de cortiza que pecha o compartimento para baleirar as capturas. FORMA INGRESO: Compra FONTE INGRESO: Ministerio de Cultura DATA INGRESO: 07/1984


21


NASA INVENTARIO: 571 CLASIFICACIÓN XENÉRICA: Pesca fluvial OBXECTO: Nasa MATERIA: Madeira TÉCNICA: Produción artesanal DIMENSIÓNS: Longo = 64 cm; Diámetro = 16 cm DESCRICIÓN: Obxecto parcialmente destecido. Permite discernir a estrutura (“tezume”), soportada polas tiras lonxitudinais (“estoiras”) e as cinco agullas ou palletas que orixinan o bozo. PROCEDENCIA: Francelos. Ribadavia. Ourense FORMA INGRESO: Doazón FONTE INGRESO: Míguez Rodríguez, José Ministerio de Cultura DATA INGRESO: 09/1986

22


23


Pescantín rachando a materia prima para as nasas, valéndose do podón ou fouce de fender. Mila Rodero. 2005

Tecendo o bozo ou trampa coa axuda dunha forma. Mila Rodero. 2005

Demostración da maneira de “armar” as nasas no leito do río, asegurándoas con pedras. Mila Rodero. 2005

24


Neste subgrupo debemos incluír o nasón, réplica das anteriores en maior escala. Aínda que certas versións se contrapoñen, todo apunta a que na orixe presentaría un ou dous bozos interiores, dedicándose á pesca das anguías de maior tamaño que gustan das augas profundas, polo que se requiría de embarcación para armalo. Co tempo evoluciona, perdendo os bozos ou trampas, virando cara a unha finalidade de conservación/almacenaxe que fai que en moitos lugares sexa coñecido coma “ghardeira”.

25


NASÓN INVENTARIO: 690 CLASIFICACIÓN XENÉRICA: Pesca fluvial OBXECTO: Nasón MATERIA: Madeira TÉCNICA: Produción artesanal DIMENSIÓNS: Diámetro = 22,5 cm; Longo= 108 cm DESCRICIÓN: Útil de forma tubular, alongado, con dous engrosamentos no corpo e aberto polos extremos. A estrutura realízase a base de vergas e componse dunha serie de tiras lonxitudinais (“estoiras”) sobre as que se articulan outras de menor tamaño que a cerran (“tezume”). En esencia responde á forma dunha nasa, mais o nasón non posúe bozo ou trampa, estando o seu interior totalmente oco. USO/FUNCIÓN: Manter fresca a pesca. As dúas aberturas dos extremos cerraríanse con materia vexetal ou con rollas de cortiza, introducindo nel as sucesivas capturas que se van producindo ao longo da xornada. Concibido para ir pendurado da embarcación e somerxido na auga. Tamén pode servir de viveiro, afondándoo e conservando a pesca en días sucesivos, o que posibilita atrasar a comercialización en función de factores coma a demanda ou a flutuación de prezos. Estes viveiros artesanais foron desaparecendo, substituíndose por outros de máis doada factura, realizados con materiais reempregados: latas de aceite furadas e pechadas con tapas de cortiza ou caixóns de madeira cubertos por rede metálica, serviron para tal fin.

26

PROCEDENCIA: Alongos. Toén. Ourense FORMA INGRESO: Recolección FONTE INGRESO: Ministerio de Cultura DATA INGRESO: 06/1988


Nas segundas, veremos como a madeira e a rede de fibra vexetal van dar paso ao metal e ao plástico, na procura dunha maior lixeireza, manexabilidade e

durabilidade. Englóbanse aquí os voitiróns, nas súas diferentes variedades ou tipoloxías. 27


NASA INVENTARIO: 570 CLASIFICACIÓN XENÉRICA: Pesca fluvial OBXECTO: Nasa NOME ESPECÍFICO: Voitirón COMPOÑENTES: Nasa (1); vara (2) MATERIA: Plástico [Rede e cordeis de plástico.Varas e aspa de madeira. Empréganse madeiras flexibles, sendo as máis correntes o loureiro, o salgueiro e a mimosa. Aros de ferro] TÉCNICA: Produción artesanal DIMENSIÓNS: Diámetro= 73 cm; Longo= 150 cm DESCRICIÓN: Obxecto de forma cónica que presenta catro “aros” de ferro separados entre si, que soportan unha rede exterior. Antecedendo aos aros sitúase unha peza de madeira, con forma de arco, coñecida co nome de “aspa”. O tramo de rede que se atopa entre a “aspa” e o primeiro dos aros amosa mallas de maior tamaño que as do conxunto. É o número de mallas deste tramo o que vai condicionar as dimensións finais do aparello. Interiormente outras dúas redes, tamén cónicas, orixinan dous “bozos” dos que parten uns fíos, denominados “fieis”, que se prolongan ate o vértice onde se pecha a rede. O obxecto esténdese e estabilízase mediante dúas varas ou “estendidillas”. As “estendidillas” presentan un extremo gallado que se acopla nos laterais da “aspa”, suxeitándose o extremo oposto mediante cordeis á rede. Completan o aparello dous cordeis suxeitos á “aspa” e un último que se anoa no vértice da rede. USO/FUNCIÓN: Emprégase para a pesca dunha gran variedade de especies fluviais. A diferencia doutras nasas, non se trata dun arte selectiva, podendo acabar nela a práctica totalidade de especies existentes: troitas, reo, ciprínidos, anguía, etc. Déitase ao anoitecer, erguéndose pola mañá. Para poñela en uso, e unha vez montados todos os 28

seus compoñentes, procédese a suxeitar dúas pedras dos cordeis que parten dos laterais da aspa e unha do que parte do vértice da rede, para fixala deste xeito no leito do río, impedindo que a forza da auga e que as propias capturas a despracen. Acostuma a dispoñerse en remansos e zonas calmas, fuxindo das áreas de fortes correntes. Esta rede non adoita cebarse, situándose naqueles lugares que o pescador considera máis propicios en base á súa experiencia e coñecemento do río e das especies. Cando se opta por o cebado, a carnada lévase ao extremo, empregando miñoca, fariña centea espallada por riba, pan e mesmo casca de ovo. O primeiro dos bozos e un mero elemento de paso. A trampa como tal correspóndese co segundo bozo, accedendo as especies a este último compartimento que imposibilita a súa saída. Unha vez retirada da auga desmontaríanse as “estendidillas”, pregando a rede para acceder ao peixe. PROCEDENCIA: Francelos. Ribadavia. Ourense CLASIFICACIÓN RAZOADA: Similar ao voitirón fixo, unha tipoloxía moi estudada e utilizada case que exclusivamente para a captura de lamprea nas pesqueiras. As diferentes partes, e mesmo os tramos que integran o voitirón, teñen unha nomenclatura perfectamente codificada, recollida na bibliografía existente sobre o tema. Por forma e compoñentes sería tamén un voitirón, pero cunha serie de particularidades a ter en conta: non é unha arte fixa destinada á pesca da lamprea en pesqueiras, e consta de dous bozos interiores. Don Alejandro Taboada, de Francelos, pescador e fabricante artesanal de nasas fluviais, confirma que é un tipo de voitirón, explica o uso e facilita termos específicos para algúns compoñentes, diferentes aos recollidos na bibliografía específica. FORMA INGRESO: Compra FONTE INGRESO: Míguez Rodríguez, José Ministerio de Cultura DATA INGRESO: 09/1986


29


NASA INVENTARIO: 939 CLASIFICACIÓN XENÉRICA: Pesca fluvial OBXECTO: Nasa NOME ESPECÍFICO: Bogueira COMPOÑENTES: Nasa (1); vara (2) MATERIA: Plástico [Rede e cordeis de plástico. Varas e aros de madeira. Empréganse madeiras flexibles, sendo as máis correntes o loureiro, o salgueiro e a mimosa] TÉCNICA: Produción artesanal DIMENSIÓNS: Diámetro= 40 cm; Longo= 99 cm DESCRICIÓN: Obxecto de forma cónica que presenta tres “aros” de madeira decrecentes e separados entre si, que soportan unha rede exterior. Antecedendo aos aros sitúase unha peza do mesmo material, con forma de arco, coñecida co nome de “aspa”. Para consolidar a súa forma arqueada característica, emprégase un cordel (“trabadoiro”), que une os extremos mantendo a tensión desexada. O tramo de rede que se atopa entre a “aspa” e o primeiro dos aros amosa mallas de maior tamaño que as do conxunto. É o número de mallas deste tramo o que vai condicionar as dimensións finais do aparello. Interiormente outra rede, tamén cónica, que arranca do primeiro dos “aros” orixina o “bozo”, do que parten uns fíos denominados fieis que se prolongan ate o vértice onde se pecha a rede. O obxecto esténdese e estabilízase mediante dúas varas ou “estendidillas”. As “estendidillas” presentan un extremo gallado que se acopla nos laterais da “aspa”, suxeitándose o extremo oposto mediante cordeis á rede. Completan o aparello dous cordeis suxeitos á “aspa” e un último que se anoa no vértice da rede. USO/FUNCIÓN: Emprégase para a pesca fluvial de anguías e ciprínidos. 30

Para poñela en uso, e unha vez montados todos os seus compoñentes, procédese a suxeitar dúas pedras dos cordeis que parten dos laterais da aspa e unha do que parte do vértice da rede, para fixala deste xeito no leito do río, impedindo que a forza da auga e que as propias capturas a despracen. Ármase en augas pouco profundas, preto da beira. O seu reducido tamaño permitía acomodala entre a propia vexetación do río. No catálogo de cebos máis habituais, que se levaban ao extremo da nasa, figuran as miñocas, lesmas, e bivalvos fluviais esmagados. No repertorio menos frecuente estarían as espigas de millo, pan de millo, ou a fariña de centeo que se estendía por riba unha vez armada. Atravesado o bozo as especies acceden a un compartimento que imposibilita a súa saída. Unha vez retirada da auga desmontaríanse as “estendidillas”, pregando a rede para acceder ao peixe. PROCEDENCIA: Francelos. Ribadavia. Ourense CLASIFICACIÓN RAZOADA: Trátese dunha transposición do voitirón, a menor escala, coa particularidade de presentar un único bozo ou trampa. Optamos por empregar coma nome específico o de bogueira, por estar máis difundido, anotando que outros, nomeadamente “salmogueira” e “galerito” ou “xarelito”, tamén se empregaron para referirse a esta arte. A información sobre nomes das partes e modo de uso do obxecto procede de don Alejandro Taboada, de Francelos. FORMA INGRESO: Compra FONTE INGRESO: González, Antonio Ministerio de Cultura DATA INGRESO: 06/1989


31


Proceso de montaxe do voitirón, estabilizando a nasa coas varas laterais ou “estendidillas”. Mila Rodero. 2005

Os exemplos analizados caeron en desuso, manténdose en activo un tipo de voitirón móbil, empregado na pesca tradicional da lamprea polo colectivo de “baleiros” que traballan no curso baixo do Ulla. O seu número diminuíu considerablemente, pero seguen a explotar o recurso e a continuidade semella asegurada. O nome débese á antiga operación de “balar”, é dicir, golpear cos remos a auga para asustar ao peixe e dirixilo ao pano da rede. A arte manexada tradicionalmente era o trallo ou tramallo, que se comple32

mentaba coa fisga e coa francada. Estas artes pouco selectivas (era frecuente que enmallaran salmóns ou zamborcas entre outras especies), van desaparecer por imperativo legal, impoñéndose a obrigatoriedade do voitirón e regulando minuciosamente o seu manexo. A evolución afectou tamén ás embarcacións, pasando dos tipos enxebres a remo e vela (mecos, gamelas, dornas, bucetas…) ás modernas de fibra ou pneumáticas movidas a motor.


Vista das nasas acomodadas sobre o embarcadoiro. A pesar das mudanzas que afectan a dimensións e materiais, corrobórase a vixencia da tipoloxía. Río Ulla

(Pontecesures). Miguel Piñeiro. s.d.

Baleiros iniciando a manobra de “largado” dos voitiróns. Río Ulla (Pontecesures). Miguel Piñeiro. s.d.

4.2 Artes redeiras As de máis capacidade ou poder extractivo. O material de tecido evolucionou cara o plástico en detrimento das primixenias fibras vexetais (liño e cánabo). Non en poucas ocasións precisaban do complemento da embarcación para o seu emprego. Entre o amplo abano de redes manexadas polos pescastíns estaría a varredeira. 33


REDE DE PESCA INVENTARIO: 936 CLASIFICACIÓN XENÉRICA: Pesca fluvial OBXECTO: Rede de pesca TIPOLOXÍA: Varredeira MATERIA: Plástico [A rede e as cordas de plástico. Nas boias da “corda dos cortizos” emprégase a cortiza, mentres que as seccións cilíndricas intercaladas na “corda dos ferros” son de chumbo] TÉCNICA: Produción artesanal DIMENSIÓNS: Alto = 118 cm; Longo= 411 cm DESCRICIÓN: Rede rectangular enmarcada por corda. A corda da parte superior recibe o nome de “corda dos cortizos”, á que se cinguen 7 cortizas ovais, que distan aproximadamente 60 centímetros unhas de outras. Esta corda excede a superficie da rede prolongándose nos extremos. A parte inferior da corda que enmarca a rede recibe o nome de “corda dos ferros”, e a ela abrázanse unha serie de seccións cilíndricas de chumbo. Esta, vólvese sobre a rede, átase a ela, e forma un compartimento ou bulsa chamado “seo”. USO/FUNCIÓN: Emprégase na pesca fluvial de diferentes especies. Como o seu nome indica, esta rede varre a totalidade do tramo do río no que se estende, dende o fondo á superficie, pasando por ser unha arte moi pouco selectiva. En ríos pequenos xeralmente era guiada por dúas persoas río abaixo, portando cada unha un dos extremos laterais da corda dos cortizos, namentres un terceiro avanzaba en dirección oposta vareando a auga e conducindo así o peixe á rede. Noutras ocasións atravésase no río unha rede calquera (“anteparo”) e avánzase cara esta coa varredeira; os peixes procuran entón unha saída entre as dúas redes e enrédanse na segunda. Ao alzar a rede, o peixe que non enredou nela remataba no seo. 34

Outra maneira de proceder é rodear coa rede unha pena que se sospeita agocha peixe, para a continuación abalala, bater nela con croios ou acosar as especies con paus e varas. Todos os procedementos reflectidos buscan desaloxar a fauna da parte baixa e do perímetro inferior da rocha, co fin de que acabe presa nas mallas da rede. A varredeira (normalmente exemplares de maior tamaño) pode tamén empregarse dende embarcacións. Para isto un home queda en terra suxeitando un dos cabos, mentres o barco larga a rede describindo un arco; acto seguido ambos avanzan un tramo no mesmo sentido para volver o barco á terra, xuntar os extremos da rede e retirala da auga. PROCEDENCIA: Francelos. Ribadavia. Ourense FORMA INGRESO: Compra FONTE INGRESO: González, Antonio Ministerio de Cultura DATA INGRESO: 06/1989


35


Ademais das tipoloxías de rede codificadas, circularon variantes ou adaptacións xeográficas. Obsérvese o emprego estival dunha rede de pano con marco flexible, adecuada para sondar posturas favorables ou operar a especie vista. s.a. circa 1960

36


4.3 Embarcacións Como apuntamos, nasas e redes poden precisar do auxilio e complemento da embarcación. Unha das máis antigas, características e singulares, que navegou polo curso medio do Miño foi o barco de dornas, con paralelos de antigo. Adoitaban ir a bordo dous pescantíns que ademais de faena podían compartir a

propiedade do ben. Na década dos corenta do s. XX comeza o seu declive. Uns vinte anos máis tarde estaba practicamente desaparecida, ao ser desprazada polas máis manexables barcas ou lanchas. O barco de dornas está concibido para a pesca, usándose só excepcionalmente para o paso de persoas dunha beira a outra do río.

37


M A Q U E TA INVENTARIO: 227 CLASIFICACIÓN XENÉRICA: Pesca fluvial OBXECTO: Maqueta TIPOLOXÍA: Barco de dornas COMPOÑENTES: Maqueta (1); remo (2) AUTOR/TALLER: Alfonso Moreno Mora MATERIA: Madeira [Respéctase o xeito de proceder tradicional, empregando castiñeiro nas dornas e piñeiro nas cadeas e no piso. Excepcionalmente tense empregado o carballo para as dornas e o castiñeiro nas cadeas e piso. Cambóns de ferro] TÉCNICA: Produción artesanal DIMENSIÓNS: Longo = 83 cm; Alto = 18 cm; Ancho = 33 cm DESCRICIÓN: Embarcación composta por dous troncos de árbore baleirados interiormente e traballados en forma de nave. A zona de proa apuntada recibe o nome de “bica”; a oposta ou popa, pechada cunha táboa, coñécese coma “regaceira”. O fondo sobresae un pouco do plano do barco orixinando o “cadelo”. Para afianzar os lados das dornas, debilitados pola extracción da madeira, empréganse unha serie de travesas denominadas “cadieiras”. As dúas dornas non seguen unha disposición paralela, aproximándose cara popa e uníndose por tres travesas ou “cadeas”, que soportan o piso de táboas. Presenta dous remos de desigual lonxitude, inseridos noutros tantos soportes verticais (cambóns). USO/FUNCIÓN: Concibida para a pesca fluvial en tramos navegables. Entre as artes que se subían a bordo estarían os voitiróns, as nasas, as redes, a corda ou a fisga. A base cóncava e carente de quilla, favorece un desprazamento silencioso, moi apropiado para que a fauna acuícola non denote a presen38

za do pescantín. Adoitaba acoller a dous homes. O remador non vai sentado no centro (detalle este que explica a diferente lonxitude dos remos), senón que o fai na dorna esquerda (á beira do piso), de costas á dirección da marcha, poñendo o pé na travesa do medio que usa deste xeito para facer forza. Os remos crúzanse diante do remeiro, sostendo o esquerdo coa dereita e viceversa. A súa finalidade derivou en que nalgúns casos as dornas recibisen un revestimento cromático vermello (cor que se entende propiciatoria), pintándose outras veces de negro. FORMA INGRESO: Compra FONTE INGRESO: Moreno Mora, Alfonso Ministerio de Cultura DATA INGRESO: 03/1985


39


Obsérvase a posición do remeiro de costas ao sentido da marcha, desprazado do centro cara a dorna esquerda, o que explica o diferente tamaño dos remos. Apoia as extremidades inferiores na travesa central, sobre a que fará forza, coñecida coma “ca40

dea dos pés”. O acompañante afánase en preparar a arte da corda: unha especie de palangre, que se fondea atándolle coios, e cuxos anzois foron nun primeiro momento de madeira (ramas de espiño). Marqués de Santa María del Villar. circa 1950


Lancha amarrada a carón da ribeira do Miño ao seu paso por Francelos. Substituta do barco de dornas, só

puido manter a súa posición de privilexio por un breve espazo de tempo. Santi M. Amil. 1995

41


4.4 Artes de liña Aquí incluímos a pesca con cana. Este tipo de práctica sempre gozou de certo aire despectivo, véndose relegada a un discreto segundo plano, sen dúbida por proporcionar un menor número de capturas en comparación coas artes vistas deica o de agora. De aí que o refraneiro popular nos obsequie con expresións coma as que seguen: “Pescador de cana máis perde que gana” ou “Troiteiro, nin boa tulla nin bo palleiro”. Sen embargo, resulta sumamente interesante polo seu carácter universal, que a fai transcender de calquera atadura económica para situala na esfera do cultural e do biolóxico. Os cursos fluviais, de menor ou maior relevancia, van estar moi presentes na vida dos galegos, familiarizándose con eles dende moi curta idade. Calquera rego ou regato capaz de albergar fauna piscícola, será percorrido polos habitantes dos núcleos que atravesa, acompañándose da cana. A especie máis presente, difundida e astuta vai ser a troita, polo que non resulta estraño que se autodenominen «troiteiros», o que non quita que cando o río o posibilita, tenten outras especies de salmónidos migratorios coma o salmón e o reo, polos que senten predilección. A pesca nocturna da anguía, tamén chamará a súa atención. Os ciprínidos, pola contra, non lle despertan interese algún por entender que se trata dunha pesca doada, máis axeitada para pícaros e noveis. Avanzado o século XX, e especialmente a partir do terceiro cuarto da centuria, comeza a asociación troiteiro-pescador deportivo. Unha relación, cando menos matizable, baseada na definición tradicional que se fai da pesca deportiva, entendida coma aquela enfocada a satisfacer un hobby e exenta de lucro. Trataremos a continuación de afondar nos aspectos que enunciamos, valéndonos de testemuños de protagonistas e informantes. 42

Detrás do refraneiro agóchase a fascinación e o afán desmedido que movía aos troiteiros a achegarse ao río, descoidando non poucas veces as súas obrigas profesionais ou a facenda. Un paradigmático exemplo do exposto, atopámolo no caso dun barbeiro, que exercía nunha parroquia da comarca do Sar. Saía de mañá cedo cara o río, cana en man, abstraéndose por completo. A súa dona encargábase de devolvelo ao seu deber, deseñando un particular código comunicativo: subía ao alto da maceira da horta un pano vermello prendido dunha corda, visible dende a ribeira, para informalo de que tiña clientela agardando. A familiaridade maniféstase a través de expresións do tipo: “Crieime no río”; ou de relatos coma o que segue: “Xa de moi pequeno, con catro ou cinco anos, acompañaba a miña nai e a miña avoa cando ían traballar ás leiras. Para enredarme, miña avoa, cortaba unha vara de salgueiro e atáballe na punta un cordel de embutir os chourizos, e no extremo deste un anzol de proporcións esaxeradas, dos que gardaba despois de limpar as pescadas “do pincho”. Atravesaba unha miñoca no anzol e sentábame a carón do regueiro co enxeño na man. E así permanecía inmóbil, fantasiando con algunha picada, que evidentemente nunca se producía. Tardei pouco en decatarme de que aquel non era o camiño axeitado. O salgueiro dou paso á canaveira, o fío de embutir á sedela e meu pai facilitoume chumbos e anzois máis comedidos. Pasaba horas no río. Con doce anos xa tiña un equipo “moderno”, coñecía as posturas e as querenzas da troita e rivalizaba en capturas cos troiteiros máis avezados”. O troiteiro afástase da concepción de pescador deportivo, a pesares de encaixar no seu marco definitorio. Non “sae de pesca” ou “a pescar”, senón que “vai ao río” ou “vai ás troitas”, o que supón, xa de entrada, unha manifesta declaración de intencións. Conclúe: “Un deporte? Non, para min non é un depor-


te, eu non compito con ninguén. Un pasatempo? Pode valer para encher horas mortas, pero aproxímase máis a satisfacer unha necesidade. Trátase dunha pulsión que te empurra ao río”. Os nosos protagonistas sofren en primeira persoa as agresións infrinxidas ao río, que repudian por completo, e vense constrinxidos por unha serie de disposicións legais (cotas, tallas mínimas, vedas, acoutados, pesca sen morte, etc ) que os colocan entre a espada e a parede. Ante as mudanzas acaecidas, optan uns por abandonar a actividade e outros reconvértense en pescadores deportivos ao uso. A progresiva perda da tradicional pesca fluvial nas sociedades industriais, entendida como parte integrante da cultura rural, frea os procesos de enculturación, abocando os antigos procedementos e habelencias á reconversión ou ao esquecemento.

“Ranger”, “Edu” ou “Sar”. Tamén están os “riscos”, as moscas ou plumas nas súas diferentes modalidades e os peixes artificiais, entre outros. Na democratización e difusión desta nova modalidade xogaron un papel determinante certas marcas, coma a catalá Sagarra, que despega definitivamente a finais dos anos cincuenta do pasado século, colocando no mercado carretes fiables e alcanzables, acordes coas dificultades da época. Certo é que circulaban xa carretes de importación, pero dirixidos a unha elite de pescadores. O outro gran avance terá lugar na década dos sesenta do mesmo século, ao irromper a fibra de vidro como material de fabricación das canas, pasándose a mediados dos anos setenta ao carbono e ao grafito.

As canas para a pesca a pulso con cebo natural, serán nun primeiro momento de materia vexetal, manténdose esta constante ata mediados do s. XX. A cana ou canaveira, que medra próxima ao río e en áreas húmidas, vai ser a materia prima predilecta, xunto co bambú, este último máis flexible e resistente. A elaboración artesanal e doméstica dos modelos máis primitivos dará paso a outros cun maior grado de acabado, fabricados en tendas especializadas e vendidos en comercios locais. A entrada en escena dos carretes asociados coa cana, mellora e perfecciona a pesca a pulso e proxecta unha nova modalidade. Dá lugar á coñecida como “cana de lanzar” (xeralmente de menores dimensións), que non despraza á primeira, senón que a complementa. Cos carretes de lanzado popularízanse os cebos artificiais, multiplicando as posibilidades. Entre este tipo de cebos destaca a culleriña, que dende sempre gozou da simpatía dos troiteiros, acollendo Galicia varias “casas” produtoras de renome entre as que estarían, por exemplo, as firmas 43


CANA DE PESCAR INVENTARIO: 3323 CLASIFICACIÓN XENÉRICA: Pesca fluvial OBXECTO: Cana de pescar MATERIA: Madeira [Cana]. Planta que medra en terreos húmidos, sendo frecuente a súa presenza nas marxes fluviais. Tamén coñecida coma canaveira ou canivela. Sedela de nailon e fragmento de anzol metálico. Fío nos reforzos TÉCNICA: Produción artesanal DIMENSIÓNS: Longo = 339 cm; Diámetro = 2 cm DESCRICIÓN: Talo de planta oco, con nós, desprovisto de follas e de diámetro decrecente. Presenta algunha fenda reforzada con fío. Conserva unha liña de sedela rematada nun anzol fragmentado. USO/FUNCIÓN: Pesca fluvial. Por diámetro e dimensións podemos concluír que troita, ciprínidos e anguía estarían entre o abano de especies capturadas. Resposta a un dos modelos iniciais e menos elaborado, carecendo de anelado metálico. As súas calidades de lixeireza, flexibilidade e proximidade, fixeron que triunfase, xunto co bambú, á hora de abordar os primeiros modelos de cana, aínda que calquera pau ou rama doutra planta ou árbore podía facer a mesma función. Asociada co emprego de cebos naturais afundidos (require a presenza na tanza de un ou varios chumbos, segundo o peso destes e a corrente e a profundidade elixida) ou presentados sobre a superficie. Os cebos teñen un importante compoñente estacionario. Entre os afundidos destacan a miñoca nas súas diferentes variedades (de esterco, de braña ou de terra), o besbello, o bichoco ou mosca de maio e a larva da abella; cando se queren tentar exempla44

res grandes, óptase polas miñocas de terra de gran tamaño (“miñocóns”), escalos, lesmas, sapos e ras. Os cebos de superficie máis empregados foron a mosca das bestas, o saltón e o grilo. Para os ciprínidos recorríase frecuentemente á miga de pan, dada a pouca selectividade da especie. PROCEDENCIA: Veiga. A Bola. Ourense FORMA INGRESO: Compra FONTE INGRESO: Álvarez Vega, Elvira Xunta de Galicia DATA INGRESO: 18/11/2004


45


CANA DE PESCAR INVENTARIO: 4027 CLASIFICACIÓN XENÉRICA: Pesca fluvial OBXECTO: Cana de pescar MATERIA: Madeira [Cana]. Con sinais de haber sido endurecida e domeada con lume. Metal nos empalmes e nas anelas. Fío suxeitando o anelado. Empuñadura de cortiza recuberta de plástico TÉCNICA: Produción artesanal DIMENSIÓNS: Longo = 305 cm; Diámetro = 4.5 cm DESCRICIÓN: Obxecto formado por dous tramos de diámetro decrecente e anelados, rematados en empalmes: o couce ou cabo e o medio. Non conserva o terceiro dos tramos integrante: a punteira. O couce presenta unha empuñadura no arranque. USO/FUNCIÓN: Pesca fluvial de salmónidos, ciprínidos e anguía. Reflicte certos avances con respecto aos primeiros exemplos de cana: o carácter desmontable facilita o transporte, montándose a pé de río e o anelado mellora a circulación e o guiado da tanza de nailon. Este tipo de modelos xa non estaban fabricados polo troiteiro, adquiríndoos en comercios ou tendas especializadas, que adoitaban fabricalas nos meses de inverno para contar así cun stock importante de cara ao comezo da tempada de pesca. Asociada co emprego de cebos naturais afundidos (require a presenza na tanza de un ou varios chumbos, segundo o peso destes e a corrente e a profundidade elixida) ou presentados sobre a superficie. Os cebos teñen un importante compoñente estacionario. Entre os afundidos destacan a miñoca nas súas diferentes variedades (de esterco, de braña ou de terra), o besbello, o bichoco ou mosca de maio e a larva da abella; cando 46

se queren tentar exemplares grandes, óptase polas miñocas de terra de gran tamaño (“miñocóns”), escalos, lesmas, sapos e ras. Os cebos de superficie máis empregados foron a mosca das bestas, o saltón e o grilo. Para os ciprínidos recorríase frecuentemente á miga de pan, dada a pouca selectividade da especie. PROCEDENCIA: Chave de Carballo. San Xulián de Bastavales. A Coruña FORMA INGRESO: Compra FONTE INGRESO: Carballal Fernández, Florinda Xunta de Galicia DATA INGRESO: 09/05/2016


47


CESTO INVENTARIO: 4028 CLASIFICACIÓN XENÉRICA: Pesca fluvial OBXECTO: Cesto TIPOLOXÍA: Cesto das troitas MATERIA: Madeira [Vimbio]. Sistema de peche metálico e correa de fibra téxtil TÉCNICA: Produción artesanal DIMENSIÓNS: Longo = 14 cm; Alto = 16.5 cm; Ancho = 28 cm DESCRICIÓN: Contedor lixeiramente curvo, pechado por tapadeira articulable interrompida por unha cavidade cuadrangular. Na parte superior da cara interna presenta dous ocos espazados polos que se pasa unha correa téxtil. USO/FUNCIÓN: Acoller as capturas que se van producindo ao longo da xornada de pesca e o bote co cebo empregado. Cínguese ao pescozo por medio da correa, adaptándose o perfil cóncavo á cintura ou costas do portador. Os exemplares de menor talla métense directamente pola abertura superior, sen necesidade de abrir o cesto. Para conservar as troitas frescas deposítase no interior materia vexetal húmida, sendo moi frecuente recorrer aos brizos. Complemento indispensable do troiteiro, podía substituírse polo “gancho” ou “galla”, que é unha póla de arbusto bifurcada cunha das ramas de menor tamaño. As troitas vanse inserindo na rama de maior tamaño a través da boca e as galadas, actuando a outra rama de tope. Deste xeito quedan prendidas do “gancho”, facilitando o seu transporte. Os contedores de madeira deron paso aos de plástico. No entanto, este elemento goza dunha considerable saúde, manténdose na actualidade.

48

PROCEDENCIA: Chave de Carballo. San Xulián de Bastavales. A Coruña FORMA INGRESO: Compra FONTE INGRESO: Carballal Fernández, Florinda Xunta de Galicia DATA INGRESO: 09/05/2016


49


Típica estampa dun troiteiro ataviado coa cana, cesto das troitas e botas de goma. Pescando con cana dende

a beira do río. “Proxecto Galicia”. Antropoloxía. Tomo XXV, páx. 214. Imaxe cedida por Hércules de Ediciones

50


51


A PA R E L LO S DE PESCA

bo) e dúas boias plásticas. No fondo da caixa un díptico informativo sobre pesca fluvial editado polo Ministerio de Agricultura, que data do ano 1963.

INVENTARIO: 3123 CLASIFICACIÓN XENÉRICA: Pesca fluvial OBXECTO: Aparellos de pesca MATERIA: Plástico [As boias de plástico e de cortiza. As liñas de nailon. Os anzois de ferro aliado. Os soportes sobre os que se enrolan as liñas de cortiza, madeira ou cartón. As ninfas de plástico e pluma. As moscas de fibra téxtil e pluma. Os pesos das liñas de chumbo] TÉCNICA: Baixos de liña e moscas de produción artesanal. Boias de produción industrial DIMENSIÓNS: Alto = 8 cm; Ancho = 10,8 cm; Longo= 13,2 cm

FIRMAS/MARCAS: Caixa: PEERLESS/ Bam 300. Boias plásticas: BULDO / MADE IN FRANCE / BTE S.G.D.G - DEPOSES [Esta lenda aparece en oito das boias plásticas contidas na caixa. Soamente unha delas carece de inscrición]. Cortiza na que se enrolan as ninfas.Sobre un adhesivo : BULDO / DÉPOSÉ. Taboíña que contén a liña con tres moscas e boia. Nunha cara e sobre selo con forma de lámpada: MATERIAL / ELECTRICO / TALLER DE / REPARACIONES / JULIO LIRA / Luis Espada,6 / ORENSE. Na cara oposta e no interior dun selo: JULIO LIRA ARMERIA – ORENSE / Cardena / Quiroga, 8 / Telef. [ilexible].

DESCRICIÓN: Caixa de carrete de pesca de cor azul reempregado como contedor de útiles de pesca. Contén embalado un conxunto de tres boias plásticas, dez moscas montadas e un anzol enredados na propia sedela de montaxe (corresponderíanse con tres aparellos diferentes). Outro trallo de tres moscas e unha boia plástica, unidos pola sedela de montaxe e recollido sobre unha taboíña de madeira. Dous trallos, un de catro e outro de cinco moscas, con boia, enrolados sobre cortiza. Un trallo de cinco ninfas con boia, tamén enrolado sobre cortiza. En senllos envoltorios de papel aparecen catro e dous baixos de liña respectivamente, montados con anzol e chumbo. Hai ademais tres baixos de liña con anzol enrolados sobre cartón e dous baixos de liña con anzol e chumbo enrolados sobre unha taboíña de madeira. O conxunto completaríase por cinco boias de cortiza (unha delas conserva un anaco de sedela con chum-

USO/FUNCIÓN: Aparellos destinados á pesca fluvial. As liñas con plumas rematadas en boia empregaríanse na modalidade de pesca coñecida como mosca afogada. A boia, dependendo do caudal e dos hábitats alimenticios do peixe en cada época do ano, énchese cunha maior ou menor cantidade de auga e a súa función sería proporcionar o peso axeitado para realizar os lances e guiar as plumas no proceso de recollida, manténdoas tamén á profundidade desexada. A caixa contén moscas e ninfas; ambas tratan de imitar ao insecto en dúas fases diferentes do seu desenvolvemento, empregándose a ninfa máis afundida e a mosca máis pegada á superficie. Estas liñas xa montadas, empataríanse na sedela do carrete acoplado á cana (normalmente unha cana e un carrete de lanzado lixeiro). O lance realízase sempre contra corrente, recollendo liña pausadamente, deixando que a propia forza da auga, ademais da acción do carrete, dirixa as moscas. As liñas, por tamaño e forma, estarían exclusivamente adicadas á

52


pesca da troita. A función das boias de cortiza sería, por un lado, a de regular a distancia do anzol e da sedela que o soporta con respecto ao fondo para evitar posibles enganches e, por outro, actuaren coma indicativos da picada do peixe. Os baixos de liña, algúns deles xa con chumbo para favorecer o seu afundimento, ataríanse directamente na punteira da cana, ou ben empataríanse na sedela que parte do carrete da mesma. O anzol destes cebaríase normalmente con cebo vivo (miñoca, saltón, grilo, etc), e por o grosor da sedela estarían concibidos para especies coma a troita, o escalo ou a anguía. PROCEDENCIA: Veiga. A Bola. Ourense CLASIFICACIÓN RAZOADA: Emprégase en ocasións o termo pluma para referirse ás moscas. Esta nomenclatura ven motivada porque as plumas de certas aves xogan un papel capital na montaxe das moscas. FORMA INGRESO: Compra FONTE INGRESO: Álvarez Vega, Elvira Xunta de Galicia DATA INGRESO: 18/11/2004

53


54


55


CEBO INVENTARIO: 1881 CLASIFICACIÓN XENÉRICA: Pesca fluvial OBXECTO: Cebo NOME ESPECÍFICO: Cebo artificial TIPOLOXÍA: Peixe artificial MATERIA: Madeira [Prolongación metálica] TÉCNICA: Produción artesanal DIMENSIÓNS: Longo = 22,5 cm; Alto = 4,5 cm; Ancho = 2 cm DESCRICIÓN: Talla policromada que reproduce un peixe con gran realismo. O grao de detalle pode apreciarse nos ollos, a boca, os opérculos que cobren as branquias ou galadas, e as aletas pectorais, dorsais e ventrais. Non conserva parte da aleta caudal. Na boca insírese unha prolongación, virada no extremo, para orixinar unha argola. USO/FUNCIÓN: Certas carencias poden facernos dubidar sobre a funcionalidade. Non conserva parte da aleta caudal, e sería precisamente nesta zona onde se adaptaría un anzol simple ou triplo, destinado a cravar os peixes. A debilidade da talla nesa área e o uso continuado e prolongado poden explicar a perda do elemento. A prolongación que sobresae da boca serve para unir o cebo a unha liña de sedela, conectada cun carrete, que se asociaría cunha cana de lanzado lixeiro. A recuperación do cebo de maneira lenta e pausada, imitando o nado dunha especie solitaria ou ferida, provocaría o ataque dos predadores, dirixido á parte traseira, prendéndose dese modo no anzol ou anzois. Se na década dos anos trinta do s. XX comeza a lenda dos arquicoñecidos engados artificiais do finlandés Lauri Rapala, é de xustiza outorgarlle o seu debido recoñecemento ás experiencias e prototipos dos pescadores patrios como a que nos 56

ocupa. Por dimensións, estaría dedicado á pesca de salmónidos de gran tamaño, ou mesmo a especies de estuario anádromas, coma a robaliza, caracterizada pola súa voracidade. FORMA INGRESO: Ordenación FONTE INGRESO: Ministerio de Cultura DATA INGRESO: 03/1987


57


CEBO INVENTARIO: 4026 CLASIFICACIÓN XENÉRICA: Pesca fluvial OBXECTO: Cebo NOME ESPECÍFICO: Cebo artificial TIPOLOXÍA: Culleriña MATERIA: Metal [Perlas de plástico] TÉCNICA: Produción artesanal DIMENSIÓNS: Longo = 11 cm; Diámetro = 2 cm DESCRICIÓN: Aramio que soporta un anzol triplo e que se dobra no extremo oposto para xerar unha argola. Sobre este aramio articúlanse os compoñentes do cebo: o corpo, composto por dúas pezas (unha cóncava e outra roscada) entre as que se insiren outras tantas esferas (perlas), e a ponte, que soporta a pa ovalada. INSCRICIÓNS: Na pa, gravado: 6 / MADE IN FRANCE FIRMAS/MARCAS: Na pa, gravado: OLYMPIQUE LUGAR DE PRODUCIÓN: Francia USO/FUNCIÓN: A culleriña nace a principios do s. XIX en Norteamérica, da man de Julio Thompson Buel. Pasa por ser un dos cebos artificiais predilectos dos troiteiros galegos, difundíndose a partir da segunda metade do s. XX, coa eclosión dos carretes e das canas de lanzar. Galicia conta con algunhas “casas” punteiras na fabricación de culleriñas a nivel nacional. Para polo en uso empátase a sedela do carrete na argola do extremo. A continuación lánzase o cebo á postura elixida e recóllese aproveitando a acción do carrete e a propia forza do río, xa que adoita a traballar a favor da corrente. O xiro provoca o instinto predador dos peixes, non estando claro se a atacan 58

con fins alimenticios ou por territorialidade. As variacións cromáticas (punteado verde) e os engadidos (perlas) buscan conferirlle visibilidade, ofrecendo o mercado un amplo abano de posibilidades. O código numérico gravado na pa fai referencia ao tamaño, indicándonos neste caso, que as especies de referencia serían os salmónidos de entidade. As reducidas proporcións de moitos dos cursos fluviais do país e a densa vexetación da marxe dos mesmos, propicia o emprego de dúas técnicas que se escapan do convencional, claro expoñente da adaptación ao medio. A primeira delas é o “arrastre”, na que se prescinde do equipo de lanzado, ao lle asociar a culleriña á cana de pescar a pulso, servíndose dela para imprimirlle o movemento á pa. A segunda é a técnica da bésta, que consiste en realizar lanzados forzando a posición da cana ata describir un arco, co que a culleriña sae propulsada, gañándose en precisión e reducindo o espazo necesario para os lances. PROCEDENCIA: Ribadavia. Ourense FORMA INGRESO: Doazón FONTE INGRESO: Estévez Pérez, José Ramón Xunta de Galicia DATA INGRESO: 27/04/2016


59


Troiteiro portando unha cana de lanzar de dous tramos con carrete, e amosando un salmĂłn pescado con cebo artificial, suspendido dun “ganchoâ€? ou galla. s.a. circa 1960

60


A sobriedade do “troiteiro” contrasta coa sofisticación do pescador deportivo. O equipamento diversifícase para satisfacer as novas técnicas e disciplinas. Retrátase unha delas: a pesca con mosca seca a “cola de rata”. Canas de carbono e grafito,

carretes específicos, “vadeador”, chaleco para accesorios e “sacadeira” serán de uso corrente. Complementos coma o cesto son incompatibles coa nova modalidade de pesca sen morte. Pablo González. Río

Ouro. 2014

61


R E S TA U R AC I Ó N DA S P E Z A S PA R A A E X P O S I C I Ó N “A PESCA FLUVIAL A TRAVÉS DA COLECCIÓN DO MUSEO ETNOLÓXICO” María José Ruiz Vázquez Sara Costa Muñoz

1. Consideracións previas A preservación dos obxectos museográficos dentro das institucións museísticas evidencia un problema complexo, posto que este tipo de coleccións, consideradas xeralmente como bens tanxibles moi susceptíbeis ao deterioro, incorporan unha ampla proporción de material orgánico especialmente vulnerable ás reaccións físicas, químicas e biolóxicas que se producen de forma natural no seu entorno inmediato. A isto hai que engadir o seu percorrido funcional, que amosa obxectos de aparencia usualmente alterada con respecto ao orixinal pero cun importante valor engadido: o da reutilización. Estas transformacións sempre veñen operadas pola necesidade de alargar a vida útil do obxecto, ao mesmo tempo que se reduce o consumo de recursos naturais e económicos. Determinadas coleccións etnográficas, coma a do Museo Etnolóxico, enfatizan o dominio do uso, de xeito que os obxectos que foron efectivamente usados, e mesmo moi usados, son aos que se lle confire máis autenticidade e valor. No noso caso, o criterio 62

adoptado á hora de pensar nas intervencións sobre estes obxectos, é antes o funcional do que calquera outro, e, polo tanto, os trazos de uso deben de estar aparentes no obxecto coleccionado: fisuras, remendos, restos orgánicos e outros elementos que sinalen parámetros dos produtores, condicionarán unha metodoloxía, materiais e tipo de intervención concretos. Todos os obxectos seleccionados para esta exposición, pertencentes á colección estable do Museo Etnolóxico, foron fabricados de xeito manual con asociacións variadas de materiais atopados con facilidade nun lugar próximo a súa realización. Todas as pezas pertencen ao ámbito do uso cotiá e presentan unha degradación inducida pola súa vida útil, asumindo polos propios usuarios reparacións ou simplemente substitucións periódicas das partes danadas polo paso do tempo. En moitos casos, trátase de pezas que transmiten valiosa información sobre o seu uso na comunidade de orixe, que non podemos eliminar ou alterar.


0570. Rede de pesca. Reparación histórica da malla

3321. Cana. Colocación de fío de cánabo para manter unidas as dúas partes da cana por mor dunha fenda lonxitudinal

4027. Cana. Reparación con fita illante dun anel para pasar a tanza de nailon

4028. Cesta. Adaptación dun arame de cobre á bisagra do peche tras a perda do pasador orixinal. 63


Non obstante, aínda que formando parte dun acervo, non todos estes obxectos teñen a mesma posibilidade de conservarse, posto que namentres algúns están feitos de materiais estábeis e duradeiros, outros poden sufrir unha rápida deterioración ou desgaste. Concibidos como obxectos domésticos, na súa elaboración empregábanse con asiduidade materiais moi pouco durábeis de seu, coma por exemplo, madeiras de frondosa, lixeiras pero máis doadas para traballar. En consecuencia, no laboratorio de restauración estímase o grao de preservación do obxecto en relación directa coa capacidade de asegurar a súa lexibilidade, partindo sempre da mesma premisa: a necesidade de conservar intervencións previas relativas ao uso que poden non presentar a resistencia necesaria. Xunto ao novo estatus de obxecto de museo fronte a obxecto utilitario súmanse os problemas comúns a todas as coleccións etnográficas: a deterioración por causa dunha almacenaxe e manipulación deficientes, os efectos dun control inadecuado do medio ambiente, a sucidade, os insectos e o factor humano, que normalmente desestimado, é a miúdo a orixe dun accidente ou neglixencia. Unha vez estudadas as consideracións anteriores, establécese un valor relativo nos obxectos a conservar que constitúe unha apreciación lexítima, pero que non debe influír á hora de seleccionar o mellor tratamento posible. Isto significa que non sempre se deben aplicar para as pezas etnográficas os tratamentos máis elaborados, senón os de menor alcance. As circunstancias poden xustificar diferentes graos de intervención, pero calquera que sexa a súa extensión, debe ser da mellor calidade posible. É aquí cando se valora que na consolidación estrutural se manexen 64

sustancias estábeis, removibles (se fose necesario) e aplicadas con técnicas pouco intervencionistas, que se deben reducir ao mínimo os engadidos de novos materiais ou que calquera material agregado deberá servir unicamente ao propósito da conservación do artefacto. Finalmente, salientar a importancia da información como base para a conservación. No museo, e previamente á intervención, os restauradores solicitan información sobre as pezas aos técnicos conservadores. Esta fase documental é importante pola necesidade de saber todo o posible acerca dos materiais e o proceso de fabricación do obxecto que se está estudando e acerca dos tratamentos que recibiu anteriormente. O conservador debe, pola súa parte, coñecer como o traballo do restaurador pode alterar o obxecto. No curso do procedemento, normalmente requírese tamén información acerca das características e comportamento de numerosos materiais, non só cos que o obxecto foi realizado, senón tamén daqueles que serán utilizados no seu tratamento. Para elo, ademais da información presente no catálogo, o museo Etnolóxico conta cunha vasta biblioteca especializada en procesos, materiais e investigacións etnográficas a disposición no só do seu equipo técnico senón de todo o público interesado. Dende o laboratorio de restauración asegúrase, en definitiva, que o proceso de intervención quede documentado na base de datos Domus, para que poda ser consultado por futuros investigadores e restauradores.


2. Proceso de restauración 2.1. Nasas, nasón e cesta Identificación do ben

Nº Inventario

Materia

Técnica

0196_nasa

Madeira de frondosa

Cestería

0571_nasa

Madeira de frondosa

Cestería

0690_nasón

Madeira de salgueiro

Cestería

4028_cesta

Vimbio Metal Polipropileno

Cestería

65


2.1.1. Descrición A cestería é unha técnica de fabricación de recipientes ou outros obxectos mediante tecido con calquera material flexible, tradicionalmente tiras de madeira (chamadas vergas) ou corres de vimbio. Preséntanse aquí catro obxectos realizados mediante esta técnica: dous deles, as nasas, destinadas á captura do peixe; os outros dous, o nasón e a cesta, ao almacenamento e transporte do mesmo. As dúas nasas e o nasón están fabricados con vergas de madeira de frondosa, probablemente salgueiro. Teñen forma tubular e están abertas por ambos lados. A técnica de realización é por entrecruza-

mento das vergas sobre as estoiras, que compoñen o lado alongado. As nasas, en concreto, son pezas moi complexas, pois albergan trampas en forma de embude no seu interior. Na nasa 0571 o segundo bozo está visible. A complexidade do nasón 0690 non radica tanto na súa forma, que é tubular, senón no seu grande tamaño e no pouco grosor das súas vergas, características que fan que sexa unha peza estruturalmente fráxil. Pola súa parte, a cesta 4028 está fabricada con corres de vimbio para o tezume (pelado na tampa e sen pelar no resto) e madeira para as estoiras. Ten forma de ril, con tampa articulada, peche metálico e asa téxtil.

2.1.2. Estado de conservación As tres pezas destinadas á pesca presentan unha densa capa de sucidade superficial formada por restos orgánicos e de sedimento, máis incrustados nas zonas internas e entre as vergas. Esto nos fala de pezas que foron usadas, en maior ou menor medida. A nasa 0571 semella estar inacabada, pero a presenza da capa de sucidade característica parece indicar que se trataría dun intento de reparación máis que dun proceso de fabricación inconcluso

Na nasa 0197 aparece unha escama no extremo traseiro, lugar por onde se extraería o peixe capturado

66


A hidrólise dunha parte dos compoñentes menos estábeis (hemicelulosa e celulosa) unida á deshidratación, poden ser causas da perda xeral de flexibilidade da madeira, actualmente ríxida e fráxil. Por mor desto aparecen numerosas fisuras, fracturas, fragmentos soltos e faltas de material, sobre todo no nasón 0690, cuxa parte máis afectada sería unha das aberturas, onde se perdeu completamente a referencia do bordo

Como consecuencia dunha inadecuada manipulación, o nasón recibiu un forte golpe que provocou unha rachadura lonxitudinal dunha parte do tecido. Nos tres casos podemos falar de pezas fragmentadas e incompletas. A complexidade destes tecidos radica en que a perda de pequenas partes inflúe no resto do tramado, producíndose a perda de consistencia, movementos, tensións e máis roturas

O nasón 0690 e a cesta 4028 presentan sinais de ataque de insectos xilófagos. No primeiro caso semella ser un proceso histórico, pero na cesta, cunha patoloxía máis xeral e con perda continuada de serraduras, podería estar activo

67


2.1.3. Intervención Estabilización previa Para aportar flexibilidade á madeira e facilitar a manipulación das pezas, introdúcense 48 horas en cámara de humidificación. Posteriormente, procédese a adhesión de fragmentos

Limpeza A fase de limpeza vaise realizar seguindo diferentes técnicas, valorando o estado da peza. Nas que presentan unha maior solidez estrutural realízase unha limpeza mecánica coa axuda de cepillos de diversas durezas. Esta fase nos axuda a apreciar as marcas que presentan as estoiras na nasa 0571, que indican que nalgún momento deberon estar tecidas

A limpeza química úsase de xeito puntual para a eliminación de restos máis incrustados. Emprégase a acción do vapor para unificar a limpeza mecánica irregular en pezas como o nasón 0690

Consolidación No caso onde hai faltas importantes de material, na nasa 0196 ou no nasón 0690, procédese a unha reintegración estrutural con tiras de madeira de balsa, colocadas en húmido e sen ningún tipo de adhesivo. A diferenciación e a reversibilidade, son, xunto coa compatibilidade de materiais, criterios importantes á hora de facer este tipo de intervencións

68


Control biolóxico Cando observamos un ataque activo de insectos xilófagos, sometemos ás pezas a unha desinsectación por anoxia. Para elo, introdúcense nunha bolsa de plástico de barreira ao osíxeno. No interior, a atmosfera alcanza unha porcentaxe de osíxeno non superior ao 0.05%. As condicións medioambientales téñense en conta utilizando un datalogger para o control da humidade relativa e a temperatura, parámetros que se moven ao redor do 70% de HR e os 220C. O proceso ten unha duración aproximada de vinte días, dependendo da especie biolóxica. O uso da anoxia para o tratamento de pezas históricas atacadas por insectos é un método seguro, tanto para a peza como para os manipuladores. Diferentes estudos demostran que non se producen alteracións físico químicas nos bens culturais e conséguese o 100% de mortalidade en todos os estadios de desenvolvemento dos insectos: ovo, larva, pupa e adulto.

2.2. Voitirón e bogueira Identificación do ben

Nº Inventario

Materia

Técnica

0570_voitirón

Ferro Madeira de frondosa Fibra sintética Corda

Redería

0939_bogueira

Madeira de frondosa Fibra sintética Corda Metal de ferro

Redería

69


2.2.1. Descrición Os voitiróns son redes tubulares destinadas á pesca fluvial de gran variedade de especies como lamprea, anguía, troitas, etc. A pesar de ser un instrumento moi similar ás nasas, son pezas moito máis complexas que as anteriores, tanto no nivel de composición como de estrutura, pois están formadas por varios elementos e fabricadas con diversos materiais de moi distinta natureza como a madeira, o ferro e as fibras vexetais e sintéticas. Basicamente, constan dunha estrutura ríxida composta por un arco de ma-

deira pelada na zona da boca e catro aros ao longo do corpo que poden ser de ferro (voitirón 0570) ou de madeira (bogueira 0939) e que albergan dous e un bozo respectivamente. Ambos acompáñanse de candansúas estendidillas (varas de madeira de acacia), que atadas con diversos cordeis á estrutura da rede, servirían para mantela tensa e estirada. A pesar da heteroxeneidade da técnica e materiais empregados nestes obxectos, o estado de conservación é moito mellor que o dos elementos de cestería.

2.2.2. Estado de conservación As dúas pezas presentan sucidade superficial en forma de po. Nas redes, este po adheriuse e é o responsable da rixidez e cambio de cor con respecto a zonas ocultas, máis claras. A deshidratación evidénciase tamén na separación da cortiza nas estendidillas. As redes están completas, aínda que a bogueira 0939 presenta o último dos seus aros fragmentado en dúas metades, perdendo a curvatura orixinal e a súa posición na rede

Os elementos de metal, catro aros no caso do voitirón 0570 e 8 cravos no caso da bogueira 0939, presentan unha capa feble de ferruxe, con algunhas concrecións localizadas

70


Nas estendidillas de ambas as redes e no arco do voitirón 0570 obsérvase ataque histórico de xilófagos

A rotura de fibras na malla das redes é moi frecuente. A orixe é variada, dende unha inadecuada manipulación ou un almacenamento deficiente, ao desgaste producido polo propio uso debido á forza da corrente, á acción dunha pedra ou ao propio peixe. Nestes casos o usuario a miúdo procede a súa reparación, posto que lagoas no tecido da rede poden producir distendementos e mesmo contribuír á liberación das presas

2.2.3. Intervención Limpeza Inicialmente, procédese cunha limpeza mecánica coa axuda de cepillos de diversas durezas. Posteriormente, a limpeza química úsase de xeito xeneralizado. No proceso evítase un contacto prolongado coa auga aplicando escuma de tensoactivo neutro, que se deixa actuar unha hora. Logo aclárase. Repítese o proceso. Finalmente, aprovéitase a flexibilidade resultante do aporte de humidade para montar na súa posición orixinal os voitiróns coa tensión necesaria Consolidación Nas zonas onde a malla está partida aplícase poliamida téxtil como punto de adhesión. Onde a tensión é importante ou as lagoas son de maior tamaño, refórzase cun cosido de fío de seda

71


Unha vez que a humidade permite recuperar a curvatura orixinal nas dúas metades da bogueira 0939, procédese a unión mediante adhesivo vinílico coa axuda de espigas de madeira e presión.

A todas as pezas susceptibles de recibir protección aplicóuselles un aceite de base vexetal para a nutrición das madeiras

3. Aspectos expositivos A exposición de coleccións constitúe unha das principais ferramentas de difusión que desenvolve o Museo Etnolóxico. Dende o departamento de restauración preocupámonos nesta fase, por asegurar a conservación das pezas expostas, procurando unhas condicións de estabilidade e seguridade adecuadas e controlando o conxunto de parámetros que caracterizan aos distintos factores de risco medioambientales dentro dos valores o mais óptimos posible. Calquera estratexia de comunicación prevista na exposición sempre debe estar condicionada polas características das propias pezas, suxerindo grandes posibilidades pero tamén limitacións para o seu desenvolvemento. O espazo dispoñible, o percorrido e a mensaxe conforman o marco expositivo que se debe adaptar á natureza das pezas. Ás veces, os restau72

radores atopámonos coa imposibilidade de expoñer certas pezas de forma adecuada cando non teñen estabilidade ou cando o seu estado non o permite e entón é cando son requiridos como medida adicional de conservación soportes específicos que minimicen esta dificultade. O xogo dos receptáculos, das posicións, os sistemas de ancoraxe e os materiais compatibles explican de seguido as decisións tomadas na realización da montaxe na exposición “A pesca fluvial a través da colección do MER”.


O estado de conservación do nasón 0690, feito con material moi sensible á rotura e á deformación, fixo preceptiva a fabricación dunha vitrina que garantira a súa protección. A estabilidade propia era dubidosa, posto que en equilibrio, podería caer e rodar con facilidade por un movemento fortuíto. Deseñáronse, pois, puntos de apoio mínimos (en número e en superficie) pero tamén suficientes para ofrecer unha estabilidade fiable e colocáronse en contacto con zonas estruturalmente estables; o material de fabricación foi o metacrilato, compatible coa madeira e visualmente neutro. Cando a posición dun obxecto puidera influír na súa lectura e interpretación, o soporte debería axudar a que a lexibilidade fora o máis completa posible e, ao mesmo tempo, intentar pasar desapercibido e resaltar a peza. As estruturas de base utilizadas nas nasas 0196 e 0571 foron deseñadas para a súa observación directa a unha altura de visión determinada, que xunto coa orientación escollida en cada caso, facilita a comprensión do uso e fabricación dos bens. Dar unha superficie de apoio e un soporte diferente do chan onde ancorar os voitiróns 0570 e 0939 foron as premisas utilizadas para o deseño da plataforma semicircular, ademais de favorecer o tránsito dos visitantes. Usáronse as propias cordas dos obxectos para reproducir a súa posición no leito do río. Outros obxectos, sobre todo conxuntos, precisaron de vitrina para poder ser explicados tematicamente. Aquí o contedor ofrecía seguridade ante o seu reducido tamaño á vez que unha superficie común onde integralos.

73


Para a colocación das canas na parede ensaiouse un sistema de unión que permite a contemplación completa do obxecto, ademais de separalo do muro receptor. O tubo de aceiro inoxidable illouse con cartón de conservación nos puntos de contacto, para evitar o marcado na superficie do bambú. Usouse tanza de nailon para o amarre. Finalmente, salientar a montaxe da rede varredeira, que vai suxeita cun cable de aceiro flexible, pendurada polo seu propio peso. O cable permite mostrar a rede nunha das súas posicións de uso e a percorre en sentido lonxitudinal, deformándose para facilitar a montaxe sen crear tensións na malla. Este sistema facilitaría modificacións na posición da rede manipulando o cable. Este é un dos exemplos máis claros dos dous puntos de vista, normalmente antagónicos, que deben reconciliarse á hora de deseñar unha exposición, o do persoal de difusión buscando a función educadora dos obxectos e o dos restauradores, que a miúdo so ven preciosos recursos que deben ser preservados. As dúas visións, lícitas, esixen solucións de compromiso e de comprensión mutua, como pensamos que é o caso.

74


75


76


B I B L I O G R A F Í A

AA.VV. (1998): Lexislación de Pesca Fluvial. Santiago de Compostela. Consellería de Medio Ambiente Alonso Romero, F. (1990): “El barco de dornas: notas sobre su origen y paralelos”. Boletín Auriense. T XXXXI Alonso, E. (1989): Pescadores del río Miño (Tramo gallego-portugués). Pontevedra. Diputación Provincial de Pontevedra Azón Masoliver, M. (2014): La Conservación preventiva durante la exposición de colecciones de etnología. Gijón. Ediciones Trea S.L. Blanco, J. (2009): Guía de las embarcaciones tradicionales gallegas. Vigo. Edicións Nigra Trea S.L. Calo Lourido, F. (1997): “Artes de pesca marítimas e fluviais”. in X. M. Gonzalez Reboredo (coord.): Galicia. Antropoloxía. A Coruña. Hércules de Edicións. T. XXV. pp.: 208-221

Couceiro, J. L. (1974): “Notas etno-lingüísticas en torno a la pesca de río en Galicia (río Mandeo)”. Verba, núm. 1, pp.: 170-180 Debarbieri, L. (1985): La Pesca. Ambientes, técnicas y aparejos. Madrid. Ediciones Generales Anaya Eiroa del Río, F. (1986): La pesca artesanal en Galicia. Sada. Edicións do Castro Fernández, R. (2012): “Historias de pesca furtiva e ríos que fervían de peixe”. La Voz de Galicia. 10–04-2012 Ferreira Priegue, E. (1998): “O desenvolvemento da actividade pesqueira desde a Alta Idade Media ó século XVII”. in.: C. Fernández Casanova (ed.): Historia da pesca en Galicia. Santiago de Compostela. Universidade de Santiago de Compostela, pp.: 51-86 Fontales, C. (2005): Cestería de los pueblos de Galicia. Vigo. Ir Indo Edicións 77


Gallego Domínguez, O. (1999): As barcas e os barcos de pasaxe da provincia de Ourense no Antigo Réxime. Ourense, Deputación Provincial de Ourense. Boletín Auriense. Anexo 24 González Reboredo, X. M. (coord.) (1977): Galicia. Antropoloxía. A Coruña. Hércules de Edicións. T. XXV Güimil Fariña, A. (2006): “A pesca fluvial tradicional nos concellos de Campo Lameiro e Moraña”. Pontenova. Revista de Novos Investigadores, núm. 10, pp.: 25-28 Herrero Morán, B. (2013): “La conservación del patrimonio etnográfico a través de la musealización”. GE-Conservación, núm. 4, [en liña] <http://ge-iic.com/ojs/index.php/revista> Ínsua, E. X. (2006): “O Ulla, río de “patifas” e “baleiros””. Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial, núm. 3, pp.: 63-74

Martínez, T. (2014): “La pesca con señuelos de pesca artificiales”, [en liña] <http://www.cotodepezca. com/la-pesca-con-senuelos-de-pesca-artificiales/> Pereira, M. (2004): Circulação de bens culturais móveis. Temas de Museologia. Lisboa. Instituto Português de Museus Pereira Sieso, J.; Mayoral Herrera, V.; Chapa Brunet, M. T.; Madrigal Belinchón, A. (2000): “La pesca fluvial como recurso económico en época ibérica tardía: un ejemplo procedente de los Castellones de Céal (Hinojares, Jaén)”. Trabajos de Prehistoria, núm. 57, pp.: 185-197 Pérez Alberti, A. (1975): “La pesca en un tramo del curso medio del río Miño”. Gallaecia, núm. 1, pp.: 178-190 Phillip Kottak, C. (1997): Antropología cultural: espejo para la humanidad. Madrid. McGraw–Hill

Ladra, L. (2008): A pesca tradicional nos ríos de Galicia. Santiago de Compostela. Sotelo Blanco Edicións

Quiroga Díaz, J. A. (2005): O barco de dornas. Lugo. Fundación Xosé Soto de Fión

Ladra, L. (2009): “Artes tradicionais da pesca fluvial”. Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial, núm. 5, pp.: 62-65

Rotaeche González de Ubieta, M. (2011). Conservación y restauración de materiales contemporáneos y nuevas tecnologías. Madrid. Síntesis

Lago García, J. L. (2009): “Historia fábrica Sagarra por José Luis Lago en Pescamar”, [en liña] <http://sagarracarretes.blogspot.com.es/2008/04/ historia-fbrica-sagarra.html>

Tenorio, J. M. (2000): La aviceptología ó manual completo de caza y pesca. Oviedo. KRK Ediciones

Lorenzo Fernández, X. (1979): “Etnografía. Cultura material”. in: Historia de Galiza. Madrid. Akal, vol VII Lorenzo Fernández, X. (2000): O mar e os ríos. Vigo. Editorial Galaxia Mariño Ferro, X. R. (2000): Antropoloxía de Galicia. Vigo. Edicións Xerais de Galicia 78

Tétreault, J. (1994): “Materiales para exposición: el bueno, el malo y el feo”. Scottish Society for Conservation and Restoration (SSCR). “Exhibition and Conservation”. Preprint, Edinburgo, 21-22 abril, pp.: 79-87 Vaillant, C.; Valentín, N. (1996): Principios básicos de la conservación documental y causas de su deterioro. Madrid. Instituto de Patrimonio Histórico Español


Valentín, N. (1994): “Contaminación biológica en materiales arqueológicos y su erradicación por medio de tratamientos no tóxicos”. Cuadernos. Conservación Arqueológica. Instituto Andaluz del Patrimonio Histórico, pp.: 113-120

Diccionario Ilustrado Referido aos Ríos Galegos. Diccionario Fluvial Ilustrado, [en liña] <http://www. rios-galegos.com/venasg2.htm>

Valentín, N. (1994): “Tratamientos no tóxicos: desinsectacion con gases inertes”. Boletín, 5:2 Asociación para la Conservación del Patrimonio Cultural de las Américas

http://www.miguelpesca.com/

Valentín, N. (2009): El material textil: susceptibilidad al deterioro. Terrasa. Monografics conservació preventiva de teixits. Centre de Documentació i Museu Tèxtil

LEXISLACIÓN:

Valentín, N ; García, R. (1999): “El Biodeterioro en el museo”. Arbor, CLXIV, 645, pp.: 85-107, [en liña] <http://arbor.revistas.csic.es> Vázquez Martínez, A. (2012): A lamprea do río Miño. Arbo. Concello de Arbo Vilar, R. (2016): “As troitas eran o noso winston de batea”. La Voz de Galicia. 17-01-2016 VV.AA. (2007): Plano de conservação preventiva. Bases orientadoras, normas e procedimentos. Temas de Museologia. Lisboa. Instituto Português de Museus

http://anzuelosypeces.blogspot.com.es/

http://imaginario.org.ar/apoyo/vol5-2_4.htm 1/4

Ley de Pesca Fluvial de 27 de diciembre de 1907. La Gaceta 29 de diciembre de 1907. Revista Técnica de la Guardia Civil, año 1, núm. 1, enero 1910, pp 34-43 Ley de 20 de Febrero de 1942 por la que se Regula el Fomento y Conservación de la Pesca Fluvial. BOE de 08/03/1942 Lei 7/1992, do 24 de xullo, de Pesca Fluvial. DOG de 05/08/1992 Orde do 28 de xanero de 2016, pola que se establecen las normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada de 2016. DOG 17/02/2016

VV.AA. (2013): Frágil. Curso sobre manipulación de bienes culturales. Ed Secretaría general técnica. Subdirección General de Documentación y Publicaciones. Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. Catálogo de publicaciones del Ministerio: www. mecd.gob.es RECURSOS EN INTERNET: Pescando a Troita en Ourense. Tempada 2016, [en liña] <http://www.galeon.com/sloren/ouren85.htm> 79



A pesca Fluvial a través da colección do Museo Etnolóxico