Page 1

o adro

xullo 2014

nĂşmero 12

MESTRAS


E D I T O R I A L Toca un pouco de Historia. Da nosa historia, que non é máis que un botón, que un exemplo que serve para explicar a Historia con maiúsculas, a historia oficial. Uns pequenos apuntes do que foi a Historia do século XX. E ao tempo que botamos a vista cara atrás quizáis podamos aprender algunha lección para o noso futuro. Imos tratar o tema da educación rural no século XX, exemplificada en Bustavalle, tratando de contrastar dous períodos do século XX, a 2ª República (1931-1936) e as consecuencias da Guerra Civil; e por outra banda os últimos anos do franquismo e os primeiros da Transición. Quizáis, como dicíamos, saquemos algunha idea para encarar o debate que nos últimos anos ten a “educación”como protagonista. Recuperaremos as figuras de dous mestres que tiveron escola en Bustavalle, Baltasar Vázquez e dona Isabel, cada un deles reflexo dos tempos que lles tocou vivir. Sempre dende o cariño que tiñan pola súa profesión, sempre tratando de axudar aos nosos nenos e nenas, aínda que non sempre coa mellor das metodoloxías. Cada un deles foi reflexo da época histórica que lles tocou vivir. Por iso, neste número da revista O Adro, só pretenderemos contrastar dúas ideoloxías educativas: unha a republicana, moi loable; outra, a facista, moi criticable. Non xuzgamos as personas, as que novamente manifestamos o noso afecto por telo dado todo polos nenos e nenas dun pobo do rural galego, pero si os tempos que envolveron cada unha das etapas educativas na que nos deteremos. A educación republicana tratou de modernizar as xentes do rural, de dotar aos seus alumnos de novas ferramentas que os axudasen a loitar contra unha situación de desigualdade social, económica e cultural na que vivían: alfabetismo, laicismo, socialismo, galeguismo, integración no entorno... esas eras as súas princiapais premisas. E entorno a eses eixes desenvolveuse a educación de Baltasar Vázquez en Bustavalle nos primeiros anos da década dos trinta. Un futuro mellor esperaba as nosas xentes; bibliotecas populares, misións pedagóxicas, estudio do entorno eran ferramentas fundamentais na ensinanza daqueles anos. Estamos seguros que de terse mantido aquelas bases educativas o futuro das xentes do noso pobo tería sido moi diferente, e sen dubidalo, moito millor. Pero a Guerra Civil (1936-39) truncou con ese aires novos que tentaban modernizar o rural, e todo volveu a ser igual, ou, talvez, moito peor. Os mestres como Baltasar Vázquez foron expulsados da súa profesión, cando non asasinados, e a educación que volveu dominar a escola de Bustavalle baseouse nos principios do franquismo e do falanxismo: aterradora autoridade e unha relixiosidade ameazadora. Pese a todas estas circunstancias ao longo das décadas dos 60 e 70 moitos fillos e fillas de Bustavalle desenvolveron uns estudios, conseguiron crecer intelectual e socialmente, e houbo unha tendencia pola vocación de mestre; sen dúbida, o estrato da educación republicana tivo que calar nos nosos veciños, e pese a que eles perderon a súa oportunidade, non esqueron as leccións de Baltasar Vázquez e loitaron por que moitos dos seus fillos e fillas tiveran un futuro millor dentro da escravitude que supuña o campo nos anos da dictadura. Pero o lastre da educación fascista foi demasiado duradeiro, xa que a finais dos anos 70 e aínda nos primeiros anos da Transición (por certo, os últimos nos que houbo escola en Bustavalle) os seus principios autoritarios seguían a dominar na educación que recibiron os “últimos alumnos/as de Bustavalle”, tal e como comprobaremos no relato dalgúns deles. Máis de coarenta anos de atraso educativo para o noso pobo foi unha grande lousa, que pese a todo, non arredou a nosa xente de tratar de sobrevivir pola súa conta e buscarse un futuro mellor: marchar a vivir a cidade, a emigración.. con todas as consecuencias negativas que iso tivo para a nosa demografía. Como vedes este número vai de educación, de historia, de recuperar a memoria... e por iso nos permitimos, cremos que o luxo, de incluír dúas leccións que nos achegan ao noso entorno, ese era un dos eixes da educación republicana, traballar a partir do próximo, do noso entorno. A primeira é unha lección de Historia e recupera a figura de Benigno Álvarez, veciño de Maceda, cuia nai traballou de mestra en Zorelle, e que foi asasinado acusado de comunista polos fascistas, e que tanto axudou as xentes da zona, ademais de ser un dos fundadores do partido comunista de Galicia. A segunda lección será de Arqueoloxía, recuperando un monumento megalítico que se atopa entre Bustavalle e Lamas. Boa clase!


BALTASAR VÁZQUEZ FERNÁNDEZ: un mestre republicano, en Bustavalle Naceu en Gabín (Montederramo-Ourense) en 1903. Tivo escola en Zorelle e logo en Bustavalle, no concello de Maceda, entre os anos 1931-1936, aproximadamente, coincidindo co período da II República. Aportando unha renovación absoluta na maneira de entender a educación, especialmente a educación rural dos que eran nenos nesa época. Todo un luxo de mestre para ese tempo, con ideas e métodos moi renovadores, que buscaba a mellora e o progreso duns rapaces que eran simples fillos e fillas de campesiños. Pero esas ideas renovadoras da educación republicana vironse dolorosamente truncada por unha guerra civil que privou durante décadas dun futuro mellor para a xuventude dos nosos pobos, no momento en que dispuñan dunha formación, unha motivación e unha organización favorecedoras da renovación educativa e da transformación do entorno social lindante. De ideas comunistas, era militante do PC no ano 1936, cando se produce o levantamento militar, polo que foi separado da Escola Pública, momento no que traballa na escola de Bustavalle (como se ve no documento adxunto), e perseguido.

Nese ano 1936 unha boa parte de mestres sufriron distintos tipos de sancións: dende suspensión temporal de emprego e soldo, traslado de provincia, inhabilitación para cargos directivos, separación definitiva do escalafón ou a inhabilitación para o desempeño de escolas. A estes hai que sumar os asasinados por consello de guerra ou por “paseos” (executados sen xuízo). Algúns exiliaronse. Os que se incorporaron ás súas escolas, nese 1936, tiveron que acatar as novas imposicións do novo rexime, sen discusión, cunha evidente orientación fascista.

Baltasar Vázquez foi separado da Escola Pública con baixa no Escalafón. Posteriormente foi perseguido. Polo que estivo fuxido, de criado na casa dun veciño de Montederramo, sen que ninguén máis ca eles soubesen da súa identidade. Tivo que presentarse ás autoridades ante a ameaza de matarlle dúas irmáns xemelgas máis noviñas. Obrigado a abandonar a terra, traballou en Valladolid nunha fábrica.


Ademais dos case cen mestres asasinados en Galicia, o número de profesionais apartados definitivamente do ensino foi de 693. Froito desta persecución sen límites nos primeiros meses do franquismo, moitos optaron por exiliarse, asumir unha identidade falsa, esconderse en espazos que tiñan condicións infrahumanas, e no mellor dos casos, en que foron repostos na profesión, tiveron que exercer unha férrea autocensura, na maneira de pensar e facer as clases; presións sociais e políticas nuns pobos nos que había vencedores e vencidos; presións que exerce a nova inspección ou calquera outro delegado do réxime de terror. En Maceda, como na maior parte das comarcas, unha das principais imputacións aos mestres, durante o proceso de represión iniciado en 1936, foi a de pertencer á A.T.E.O. (Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense)

Moito tempo despois reincorporouse á docencia na escola da Mezquita, vivindo na Gudiña despois da súa xubilación, ata a morte en 1995. Tivo unha filla, Gloria. Baltasar Vázquez formaba parte, xunto a outros mestres de ideas similares, da Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense (ATEO), un dos focos máis dinámicos do maxisterio progresista de todo o estado español. A reforma educativa que propugnaban, a pesares da particularidade do seu medio rural e das esixencias sociais, educativas e culturais requeridas pola especificidade galega, seguíu as grandes liñas trazadas a nivel estatal polo Ministerio de Instrucción Pública (liberalismo, moderna pedagoxía e as ideas educativas do socialismo histórico: educación pública, laica, democrática, baixo a responsabilidade do estado, escola única e ensino activo) os eidos preferentes para comezar a reforma eran o do ensino primario, coa conseguinte transformación do papel dos ensinantes, e a cultura popular, tanto no senso de darlle acceso aos centros educativos a toda a poboación, como de potenciar as manifestacións culturais informais do pobo. Entre 1932 e 1933 Baltasar, o mestre de Bustavalle, dirixiu “Escuela de Trabajo”, a revista da Asociación.

I

Baltasar Vázquez afirmaba que “a pedagoxía neutra é incolora, inodora e insípida”. Criticaba, dende posicións marxistas, a escola única burguesa. A boa pedagoxía, dicía, debe defender os intereses e oportunidades da clase traballadora e dos labregos. Logo comezou a súa serie de artigos de “Pedagoxía proletaria”, coa exaltación das vantaxes educativas dos sistemas socialistas.


Documento de destituci贸n de Baltasar V谩zquez como mestre de Bustavalle, no ano 1936, acusado de comunista


“Aqueles mestres de escola” Entón dicíase: “pasas máis fame que un mestre de escola”. O soldo era moi reducido e as condicións materiais para o desenvolvemento do ensino, pésimas, os locais-escola moitas veces ubicados sobor de cortellos e sen servicios. Nas primeiras décadas do século XX para ser mestre estudábase en Ourense na Escola Normal durante catro cursos. Despois, preparar as oposicións, e unha vez aprobadas, disposto a ir a unha escola rural, xeralmente lonxe, perdida na xeografía ourensá, a loitar ti soíño para educar ós rapaces, que moitas veces non asistían a clase por ter que axudar ós seus pais na labranza. Para ser mestre cumpría ter unha boa dose de idealismo. Coa proclamación da Segunda República, o 14 de abril de 1931, o maxisterio experimentou unha gran melloría: mellor formación, saíase con praza ao rematar os estudos, creación de moitas escolas, Misións Pedagóxicas, bibliotecas, centros de colaboración... En Ourense, un grupiño de mestres cheos de inquedanzas crea unha asociación que denomina A.T.E.O. (Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense), editando unha revista mensual titulada “Escuela de Trabajo”, baixo o lema: “La enseñanza será laica, hará del trabajo el eje de su actividad metodológica y se inspirará en los ideales de la solidaridad humana (Artículo 48 de la Constitución de la República Española) Un dos membros máis activos dentro desta Asociación exerceu o maxisterio en Bustavalle e Zorelle .

Conectar escola e sociedade para a súa transformación, potenciar a solidariedade entre todos os traballadores, loitar contra a ideoloxía burguesa, contra a glorificación nacionalista e imperialista da guerra e contra a influencia do clericalismo na escola e na sociedade.” Información extraída de: -Xosé Manuel Cid Fernández, Educación e ideoloxía en Ourense na 2ª República, Santiago de Compostela, ed. Andavira, 2010


A ESCOLA DA DICTADURA os anos 70 en Bustavalle Durante todo o réxime franquista Bustavalle contou cunha “escola unitaria mixta”, de tipo rural, escola dun só mestre ou mestra onde se educaban alumnos/as de diferentes idades e niveis, neste caso xuntos nenos e nenas. Noutros lugares máis grandes separábanse por sexos. Esta escola foi a dominante en todo o ámbito rural galego con anterioridade á Lei Xeral de Educación de 1970. A partir desa data o seu número foise reducindo drasticamente, ata case desaparecer a finais dos anos 80 por mor da creación do que no seu momento se denominaron as “concentracións escolares”, un novo xeito de estructurar o mapa escolar a través da construción de grandes grupos escolares. Concretamente, foi no curso 1978-79, o último que se impartiu en Bustavalle, tendo que desplazarse os nenos e nenas a Maceda a partir dos anos 80. Os últimos estudantes foron: Toñito da Marina, que fixo 6º; Manolito da Barreira e Toñito da Casagrande que estudaron 5º de EXB; Carmiña, da Sra María, a única moza; e Javier da Marina, o máis pequeno. Cinco alumnos pecharon a historia da educación en Bustavalle, tantas décadas despois. Nestas páxinas imos recuperar o testimonio de rapaces e rapazas que estudaron en Bustavalle nos últimos anos da dictadura, e nos primeiros da democracia, aínda que como veremos, na práctica, as ideas educativas seguían o réxime anterior. O EDIFICIO DA ESCOLA A escola rural era unha casa máis do pobo, non contaba cun edificio propio, senón que era unha vivenda máis habilitada para tal uso. É un espacio aberto, porque non existen muros que delimiten todo o recinto escolar. Tiña unha proximidade natural e tamén social, xa que viñan as nais a falar con moita frecuencia, e a agradecer, como veremos, a labor docente. Estas escolas habilitadas constitúen os restos dunha realidade herdada do século XIX, unha época histórica na que raras veces se construían edificios escolares, aproveitándose como locais escolares calquera tipo de edificación existente. A partir dos anos 50 e 70 comezou a implantación das políticas de construcións escolares, aínda que nalgúns casos como Bustavalle, os rapaces seguiron asistindo a escolas habilitadas. En Bustavalle a casa da escola foi dende o anos 1941 ou 1942 ata o ano 1979 a actual casa da familia Vences Requejo. Con anterioridade á década dos coarenta estaba ubicada na actual casa de José Conde Requejo, como ben nos conta Urbano, non sabemos dende que ano.

Escola antes dos 40

Escola entre os 40 e os anos 70


Situada no primeiro piso accedíase por unha escaleira que era unha especie de tránsito dende o mundo da infancia ao mundo da responsabilidade e a tiranía que supuña para moito do alumnado. Veremos máis adiante o simbolismo desa escaleira. As ventanas eran de cor verde, con cristaliños pequenos. A través dunha galería chegábase a unha estancia aberta coa mesa da mestra de costas á estrada e enfrente os pupitres. Á dereita había tres estancias máis: nunha había pupitres vellos apilados e retirados, de de dúas prazas; noutra había patacas, que lle regalaban a mestra, e noutro estaba a cociña, onde a mestra, que vivía en Ourense facía o seu xantar. Todo perfectamente detallado por Toño. Abaixo había unha corte onde gardaban algunhas vacas e unha burra o Sr. Antonio da Barreira. Estaban mezclados os nenos e nenas das distintas idades, dende 5 anos ata os cursos superiores da EXB.

AS MESTRAS Doña Amalita, na década dos 50, e doña Isabel, na década dos 70, foron dúas das mestras que exerceron a súa profesión en Bustavalle. Imos deternos na segunda. Advertindo que a visión negativa que por momentos pode dar debémola contextualizar e xustificar entendendo que non era máis que o reflexo dos tempos nos que viviu e da educación que ela mesma recibiu. Estamos seguros que actuou con todo a boa intención do mundo, porque a principal característica de toda mestra é o amor aos seus alumnos/as. A imaxe que o alumnado dos últimos anos da dictadura lembra da súa mestra dona Isabel é fiel reflexo duns tempos onde a férrea disciplina era uns dos eixes que sustentaban a educación. Pero asimesmo apuntan que era moi valorada polas nais dos nenos: con gran respeto e cariño. Muller elegante, sobria, austera no vestir. Porte fino, moi ben vestida, cunhas mans bonitas, longas, fermosas, sempre cheas de grandes aneis. Nesta visión, un pouco ideal, algo influirá o vestiario típico das arregladas mulleres da cidade en contraste coa roupa de traballo predominante nas tarefas agrícolas dos pobos. A roupa elegante estaba reservada para as festas. A xente era moi agradecida con ela, levávanlle ovos, patacas, leitugas, tomates, e ela recibíao con moito agradecemento. Moi recta: na limpeza, no castelán correcto...; moitas testemuñas prefiren usar o adxectivo, franquista. Era reflexo dos tempos que lle tocaran vivir. E transmitía o ideario da dictadura, pese que xa nos últimos anos morrera Franco: disciplina, obediencia, autoridade...


TRAXECTO DE IDA E VOLTA O traxecto para ir a escola era mínimo debido a proximidade das vivendas. O que sí destaca todo o mundo era o significado das contras de madeira das ventanas. Moitos deles miraban dende a capilla. Si estaban abertas significaba que a mestra xa chegara e tiñan que ir xa para a escola. Relátanos Chelo: “ o increíble era cando non se abrían, que era poucas veces, xa que era sinal de que a mestra non viña, i era para nós unha festa”. A súa irmá Mercedes vai na mesma línea: “e esa ventana na escaleira... a nosa salvación ou perdición os días de inverno que nevaba...asomabamonos á Capilla, e... contras cerradas... a maestra non viña... día enteiro de asueto para enzarafazularnos ca neve e disfrutar todo o día... Dios, como atisbábamos esas contras”. Dedúcese que a neve influía na ausencia da mestra ás clases, dende Ourense, en inverno, a viaxe non debía animar moito. Alguen lembra especialmente o día da morte de Franco, na que as contras non se abriron. Festa rachada. A mestra obrigaba a que o traxecto á escola debía ser en solitario, cada un dende a súa casa, prohibía que se xuntaran antes os nenos. Se se enteraba que o facían, castigo. A diciplina pretendía ir máis alá da escola. Toño lembra como pasaron todos pola vara un día por xuntarse todos antes nun cabaceiro da Barreira. Había que ir a escola cos zapatos lustrosos, cousa difícil, especialmente en inverno, xa que os camiños estaban cheos de bulleiro, sen asfaltar, polo que había que ir saltando de pedra en pedra para non manchalos. O traxecto da mestra. Viña todos os días dende Ourense. Comía na escola. Ás veces empezaba a cociñar mentras os alumnos aínda estaban na clase. As cinco e media da tarde empezaba a cambiarse porque pouco despois era recollida por outras mestras, como a de Casasoá, e con elas marchaba en coche para Ourense.

Foto sacada na escola de Bustavalle a principios dos 70


AS INSTALACIÓNS ESCOLARES -Servizos hixiénicos: destaca a falta deles tendo que saír do edificio para poderen realizar as súas necesidades fisiolóxicas, buscando unha árbore, arbusto ou matogueira que garantisen certa privacidade. A ausencia de baño era o máis común en moitas casas. “Doña Isabel puedo ir afuera?” E se chovía a mexar rapidiño, e para arriba. O water preferido era mexar fóra, na parte de atrás da escola, principalmente durante o recreo. -Aulas: Edificios vellos, con escaleiras deterioradas, con chans de madeira abichados. Pola memoria de Pili parece que non pasou o tempo: “O suelo era de madeira, sen barnizar e con tablóns longos ( como todos os suelos de antes) e crujía moito ao pisalo, a escola parecía vella e moi usada...” O MOBILIARIO Os pupitres dos maiores eran de madeira, de dúas prazas. Os pequenos colocábanse no fondo da sala nun banco de madeira longo, de tres prazas, moi alto. Existían dous encerados, un de madeira verde en frente do banco dos pequenos, e outro para os maiores. A mesa da profesora, con moita carga simbólica, grande, de madeira, diante de todos, á espalda da galería, os nenos de frente. AS CONDICIÓNS AMBIENTAIS Espazos oscuros, fríos, húmidos, con ventás pequenas polas que poucas veces entraba o sol. Espazos con pouca luz natural, sobre todo no inverno, no que apenas se usaba a luz eléctrica. O frío: no inverno ambiente húmido e xélido, que padecía tanto o alumnado como o profesorado, nenos con dedos agarrotados polo frío, con moitas dificultades para poder escribir, quentando as mans co seu propio alento. Unha pequena estufa de leña ao lado da mesa da mestra que non conseguía quentar a aula, os alumnos moi abrigados en inverno. Jose Juan apunta que el no inverno puña a disculpa do frío para arrimarse a estufa que estaba cerca da mestra, claro que era un dos “enchufados” e llo permitía.


AS ENSINANZAS A memorización era o principal método pedagóxico. O sistema pregunta-resposta no que se baseaba a ensinanza do catecismo, por exemplo. Outro exercicio que contribuía a memorización era o recitado en voz alta, próximo ao canto: de verbos, ríos, a tabla de multiplicar... Por suposto, non cantar implicaba un severo castigo. Clases de cultura, de bos modais, dona Isabel trataba de inculcar a importancia da limpeza nas casas, trataba de inculcarlles a importancia de estudar. Na escola, por suposto, falábase sempre en castelán. Non soportaba escoitar falar castrapo. Había que falar moi ben o castelán. Todas as tardes, a partir das 3, tocaba catecismo. A ensinanza da relixión ocupaba bastante tempo. Moitos tentaban facer deberes ou memorizar pola tarde, no monte, coidando o gando, en inverno, baixo o paraugas en múltiples ocasións, empapados, helados polo frío. MATERIAL Caderno, goma de borrar. Estuches alargados con lápices. Único libro que traía todas as materias, con ilustracións sinxelas en branco e negro.


SENTIMENTOS, SENSACIÓNS... O medo é a sensación máis recordada por todos e todas. O medo. A non moverse do pupitre cando a mestra saía a falar con algunha nai, o que hoxe chamaríamos titoría. A non saber o catecismo o día que se ía facer a primeira comunión a Zorelle, como recorda Mercedes, catecismo ensinado por dona Isabel todas as tardes, mediante o sistema de pregunta-resposta: “Quién es Dios? Dios es nuestro padre que está en el cielo.” A dar a lección, a ensinar a libreta. A iste medo, un dos rasgos máis salientables polos alumnos/as, axudaba poderosamente, e témome que dolorosamente, unha variña, agarrada pola man, sempre disposta a ser usada. “Quen non probou a variña?” Algún regalo por parte da túa nai sempre podía substituír algúns vareazos. Moi gráfico é a escena que nos conta Toñita e que todos podemos visualizar perfectamente: tardes de primavera, calor, a mestra na porta da galería a tomar o sol e todos a defilar por xunta dela para recibir o castigo (“todos en fila al matadero”). Noutras ocasións, a vara non estaría a man ou racharía no lombo dalgun rapaz, era un grande anel, alguén recorda exactamente un cunha perla, o que impulsado pola forza da man impactaba na cara do alumno/a. Unha estudante de finais dos sesenta cóntanos: “recordo a que me deu en toda a miña cariña de 6 ou 7 anos un día que me castigou na cociña mentras ela preparaba uns ovos fritidos cando non soupen facer unha suma”. Múltiples son os detalles que lembran neste aspecto, significativo e talvez traumáticos recordos: o anel, palitrocazos nas mans abertas, tiróns de orellas. Non hai nomes pero si recordo dos cartílagos ensangrentados das orellas dun alumno, con moita frecuencia. Trato violento que viña reforzado pola opinión das familias: “Usted, péguelle, se o merece péguelle..” Como para queixarse nas casas! Superioridade no trato. Disciplina, autoridade, man dura, falta absoluta de alegría. Represión, manifestada na liberación que supuña a hora da saída. Baixar aquela escaleira era recuperar a liberdade, a cotidianeidade. Falta de comprensión. Fillos de labregos que tiñan que axudar nas tarefas agrícolas non tiñan, moitas veces, nin gañas nin motivación para facer os deberes. O que si hai que resaltar é a alegría que supuña que alguén chamara a porta coa intención de falar con doña Isabel, xa que era un momento para poder enredar. Iso si, exemplo da disciplina que se impuña era que ninguén se atrevía a saír do seu pupitre, según nos relata Pilar Borrajo. Cando a porta se pechaba o silencio e a gravidade volvían reinar na aula. Nos anos da dictadura un acto que debemos destacar é o denominado “luns de homenaxe á bandeira”: todos os luns ás 10 en punto da mañá, ao comezar as clases, na mesma entrada da escola desplegábase a bandeira española: un rapaz a collía polo mango e outros dous polas puntas e antes de colgala na ventana, entonábase a coro o himno franquista de España: “Viva España, alzar los brazos hijos del pueblo español, que vuelve a resurgir... Gloria a la patria que supo seguir sobre el azul del mar el caminar del sol... Triunfa España, los yunques y las ruedas cantan al compás del himno de la fe... Juntos con ellos cantemos de pie, la vida nueva y fuerte de trabajo y paz.”


A bandeira ondeaba a través dunha ventana cara fóra, todos os días da semana de 10 a 5 da tarde, hora na que remataba a escola. Outro acontecemento que lembran foi unha vez cando viña o bispo de Ourense a Zorelle, e ademais de aprender máis intensamente, aínda, o catecismo, tiveron que facer bandeiriñas para recibilo todos en fila, saudando. Pese a todo este ambiente non deixaban de ser nenos e as trasnadas tiñan que ser frecuentes, recuperamos al lembranzas de Toño que acusa a Pili “de escarallarme non sei cantas follas do caderno con garabatos e de romperme en anacos a goma de borrar”. E tantas outras que non quixeron contar. Aí van un par de anécdotas divertidas máis. Jose Juan conta como un día que a mestra estaba facendo a comida empezou a berrar moitísmo, cando foi ate a cociña estaba subida a unha silla e un rato a rillar por alí. Tamén andan a contar por aí dun que lle mexou enriba a mestra, pero parecen non querer dar demasiados datos. O que si interpretamos é que cando un se mexaba enriba os metía na corte das vacas debaixo da casa. Tamén son varios os que lembran as súas habilidades para ler do revés (¡que fenómenos esta xente de Bustavalle!), xa que cando lles tocaba dar a lección acercábanse á mesa onde a mestra tiña o libro aberto e eles contestaban correctamente coa práctica que xa tiñan de ler ó revés. Seica xa lían tan ben do direito como do revés. O problema estaba coa relixión, xa que preguntaba polas tardes, e nos días de sol o facía de pé dende a galería, e aí non había forma de botarlle o ollo ao libro.

Foto sacada na escola de Bustavalle


AS ESCALEIRAS Para rematar imos fixar a nosa atención nun elemento para tratar de facer unha lectura simbólica daquela época: as escaleiras. Porque aqueles poucos escalóns era o nexo de unión entre dous mundos tan distantes. Arriba a disciplina, a autoridade, o medo, as labazadas, ninguén valora o que aprendeu, polo menos naquela época. O negativo da infancia atopábase no final daqueles escalóns. Abaixo, a infancia, con todo o positivo que tiña. Os xogos, os amigos, tamén os traballos, como levar o gando ao monte, pero isto era visto de maneira positiva, un sentíase realizado, sentíase maior, contribuía e aportáballe algo no desenvolvemento da personalidade daqueles rapaces. O estudo nada. A “contra” era a chave que abría aquelas escaleiras cara o inferno que se atopaba arriba. Velas abertas significaban que había que obedecer, xa antes de subilas: dirixirse a escola, entrar, sentarse en silencio e a traballar. Cando estaba pechada a “contra”, significaba que a escaleira non se ía abrir, que o xogo podía prolongarse esa mañá, que a autoridade era a familiar, moito máis compresiva... O momento máis feliz do día era baixar aquelas escaleiras, xa fose no recreo, para xantar ou finalmente o descenso da tarde que supuña a máis absoluta liberarción... recuperar a felicidade da infancia. Fácil resulta imaxinar a aqueles nenos e nenas subindo lentamente e malhumorados aqueles escalóns; sen embargo, vemolos baixar a toda velocidade, saltando, de dous en dous, ou de tres en tres os máis maiores, para volver a altura da terra. Isto último supomos que sería difícil que sucedera na realiadade, porque cústanos crer que a disciplinada dona Isabel permítise unha baixada tan atolondrada.

E debaixo desa escaleira o espacio da clandestinidade, ese buraco que había e que moitos gustaban de usar, tratando talvez, de esconderse da férrea disciplina, xogando, e asumindo os riscos de poder ser descuberto pola mestra. Escaleira como síntesis do mundo daquela época. E por se fora pouco, Marina, aínda lle da un novo significado a esa escaleira, converténdoa en símbolo de desexo, de afán de coñecemento: ela recorda chorar intensamente no fondo daquelas escaleiras cando aínda non tiña idade para estar escolarizada, pero ela quería subir tras os pasos da educación que o seu primo Pepe recibía naquela escola. Tanto choraba e choraba que doña Amalita deixábaa subir.


Aprendendo Historía: BENIGNO ÁLVAREZ un comunista que amaba Galicia

Recuperamos aquí a figura deste veterinario de Maceda, xa que garda relación con dous dos temas tratados neste número da revista: fillo dunha mestra de Zorelle, e sufriu a intransixencia franquista. Ao tempo que damos unha lección de historia para as vindeiras xeracións. Benigno Álvarez González naceu en Maceda o día 11 de marzo de 1900. O seu pai chamábase Demetrio Álvarez e posuía unha clínica veterinaria. Foi alcalde de Maceda entre 1913 e 1919. A súa nai, Felisa González, era mestra de ensino público na escola unitaria de Zorelle. A familia Álvarez González posuía un capital considerable. Benigno era o maior de nove irmáns. Estudou até os oito anos nas escolas de primeira ensinanza de Maceda, que estaban ubicadas a carón da Casa do Concello e que hoxe conforman a Biblioteca Municipal. Despois desprazouse a Ourense para seguir primaria. Continuou o bacharelato en Santiago e rematou os seus estudos universitarios na facultade de veterinaria -actual sede do Parlamento Galego. Morreulle de súpeto o seu pai e tivo que escomenzar a traballar na clínica que aquel tiña en Maceda. Adquiriu sona de belísima persoa, grande profesional, xeneroso e servizal para cos demais, principalmente entre os campesiños e pequenos gandeiros cos que trataba a cotío. A meirande parte das veces non lles cobraba polos seus servizos, axudándoos mesmo noutras tarefas alleas á súa profesión. A finais dos anos 20 afíliase ao Partido Comunista, do que será un dos fundadores en Ourense, converténdose en secretario xeral. No ano 1930 detivérano por orde gubernamental en Ourense escomenzando a súa aureola de líder indiscutible, cunha personalidade moi forte e unha facilidade de achegamento á xente fóra do común. Boa parte do éxito na provincia debéuse fundamentalmente ao seu carisma. Protagonizou unha folga de fame moi soada que tivo repercusión en toda a provincia e que foi apoiada por amplos sectores galeguistas e da esquerda de cara a conquerir a súa liberación. Por aquelas datas o PCE influía principalmente nos sindicatos obreiros, nos profesionais do ensino e no campesiñado.


O veterinario de Maceda, o que xa dende novo gustaba de escribir, adicábase a publicar artigos de pensamento político e outros de carácter literario en distintos medios, como na revista “Escuela de Trabajo” da ATEO (Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense), que dirixiu Baltasar Vázquez, o mestre de Bustavalle, durante uns anos. "SÓ PODO FALAR GALEGO” No IIº Congreso do PCE en Madrid, no ano 1932, Benigno fora como delegado de Galicia. Asistiran representacións de todos os partidos comunistas do mundo. Cando lle tocou o turno "... dixo que, pra empezar el falaba representando a Galicia e que, polo tanto, somentes podía falar en galego. A xente estaba apampanada mentres escoitaba aquilo: Non podo falar en castelán porque na miña terra, no meu país, os labregos, os mariñeiros, os traballadores todos só saben do galego pra falar. Eu, ainda que pasei pola Universidade, non podo falar en castelán porque, senón, acaban connosco pra sempre, esmágannos... Eu podía expresarme en castelán, pro o certo é que me expreso mellor en galego.” Dende os primeiros días da República, Benigno Álvarez tentou convencer á dirección central do seu partido para que permitise a formación dun verdadeiro Partido Comunista Galego, pero en Madrid rexeitaron de plano tal pretensión. Nas eleccións do 16 de Febreiro do 36, foi designado xunto con Alexandre Bóveda candidato da Fronte Popular. Costa Clavell, en “Las dos caras de Galicia baixo o franquismo”, escribe no capítulo referido á resistencia na provincia de Ourense que ao estalar a revolta militar o día 18 de Xullo do 36, "...en varias vilas ourensás como Maceda, O Barco, A Gudiña e Verín, o alzamento triunfou con virulencia. A influencia comunista foi determinante en Maceda no desenvolvememnto dos acontecementos que marcan as datas do alzamento naquela vila. O día 20 e o 21 concéntranse en Vilar de Barrio os partidos do Goberno, gracias ás activas xestións do comunista Benigno Álvarez, eficazmente axudado pola súa dona Enriqueta. Os efectivos frentepopulistas ocupan Maceda, onde actúa Manuel Senra Salgado, Lisardo Leal e Guillerme Pérez Conde á fronte de grupos dispostos a opoñerse ao Alzamento. Pero o día 21 preséntase en Maceda, procedente de Ourense, unha columna mandada polo capitán Navas. Tras unha curta resistencia, que se acentúa nas proximidades do Santuario dos Milagres, Maceda e toda a comarca queda dominada polos militares". A Manuel Senra -un canteiro moi apreciado na vila- fusilárano en Ourense despois de levalo preso e detelo unha longa tempada na cadea. Lisardo Leal andou longo tempo escapado. Era un fervoroso comunista, ámigo íntimo dun prestixioso médico local coñecido por don Abraham. Despois foi un guerrilleiro valeroso, ao que a xente lle tiña moito respeto. Naceu na aldea de Vilar de Cás. Enriqueta, máis coñecida por A camarada, puña bandeiras republicáns e roxas por toda a bisbarra. O día que mataron a Manuel Senra, tamén fusilaron a Demetrio Álvarez -irmán de Benigno- a Fernando Garrido, a Modesto Vidal, a Manuel Garrido, a Serafín Poza, a Ricardo Lemos, xunto con outros dous de Vilar de Barrio. Trouxéronos para a praza principal da vila o día de aninovo e alí os tiveron expostos durante dous días. Benigno e Enriqueta escondéronse nos primeiros días da revolta nun zulo improvisado na bufarda da súa casa, pero fuxiron despois para a Serra de San Mamede. Tentaron queimarlle a casa con toda a familia dentro. Enriqueta permaneceu unha tempada agachada nunha aldea e Benigno desprazouse á zona da Edreira. A súa familia relacionábase moi ben e gozaba de amizades prestixiosas, polo que foi agachado no castelo de Monterroso. Puxeron prezo á súa cabeza varios persoeiros da oligarquía ourensá. Ofreceran mil pesetas e un coche por atopalo vivo ou morto.


Benigno pasou refuxiado naquel castelo até o mes de xaneiro do 37, no que decidiu voltar para organizar a resistencia contra o opresor. Saíu ao monte, escomenzando a súa loita guerrilleira pola zona de Montederramo. Alí tivo a nova de que a súa nai estaba a punto de morrer, aflixida ao saber da sorte dos seus fillos. El conqueriu chegar ao traveso da Serra até a casa de Lisardo Leal en Vilar de Cás, para artellar problemas na organización da reistencia naquela zona e explorar as posibilidades que tiña de achegarse a súa casa. Era consciente do perigo que corría, pois os falanxistas dominaban a provincia dende o inicios da contenda. Benigno padecía unha enfermidade respiratoria dende había tempo, agravada cunha bronconeumonía aguda de andar polo monte nevado en pleno inverno nunhas condicións moi precarias. Naquela casa atopouse moi débil. A dor inmensa que lle produciu a nova da morte dos seus irmáns e da súa nai, xunto coa súa propia doenza, transmutárao ao un estado case terminal. Lisardo arriscándose, decidiu trasladalo en besta a Maceda, xunto do médico don Abraham -que estaba moi vixiado- para que o curase. O máis probabel é que finase no lugar chamado O Penedo, o día 11 de Marzo, que está a cen metros da aldea de Vixueses. Apareceu despois recostado contra unha parede na mesma aldea -a menos dun quilómetro da súa casa- cos calcetíns no bolsillo e cun revólver na man dereita. Soubo, antes de morrer, que acababan de fusilar a cinco campesiños da Serra por non dicirlle á Garda Civil onde estaba agachado. A Benemérita organizara unha partida con moitísimos efectivos para poder capturalo na que participaron falanxistas provinciais e locais. Foi descuberto o día 13 e un sicario fascista daquela aldea pegoulle un tiro de graza na tempa dereita da que non manou sangue. Non lle pagaron a recompensa. O sarxento da Garda Civil do cuartel de Maceda deu orde -instigado polos falanxistas provinciais- de trasladalo atado de pé nun camión requisado ou na defensa de atrás un coche negro -existen as dúas versións-para exibilo por toda a provincia e polas rúas e prazas de Maceda con duas pancartas moi expresivas: "Aquí va el veterinario de Maceda", "Ha muerto el comunismo en Ourense". Soterrárano nunha fosa común no cemiterio de San Francisco-Ourense. A represión fascista fora inmensa en toda a provincia nos primeiros días da revolta. Asasinado o seu amigo e compañeiro de candidatura Alexandre Bóveda o 17 de agosto do 36, el era a presa a bater; a teima obsesiva de todos os golpistas que o querían vivo ou morto. Así, aquel fatídico 13 de marzo do 37 os fascistas de toda Galiza concentráronse en Ourense para celebrar a captura do secretario xeral do PCE. No xornal, xa falanxista, El Pueblo Gallego o día 14 aparecía a nova, na páxina 10, completamente descafeinada e definíao como "un suxeito perigoso, coñecido polas súas actividades disolventes". No mesmo xornal do día 16 inxertaban, na súa última páxina, a foto do sicario que o rematara, cunha nota referida "ó tristemente célebre cabecilla comunista, morto pola forza, ao resistirse cando se lle ía deter". Facer unha incursión nun personaxe tan fascinante como foi a figura política e humana de Benigno Álvarez, mitificado e reivindicado por uns, silenciado e levado ao ostracismo máis exacerbado por outros é necesario para recuperar a memoria histórica e tentar analizar con rigor a súa personalidade . Benígno Álvarez é considerado unha das claves para o desenvolvemento do nacionalismo e as súas proxeccións sociopolíticas no noso país. Foi "...un dos precursores do proceso marxista enfocado no celme da nación asoballada e colonizada que pulula pola liberación nacional".

Información extraída de Santiago Prol Blanco “Os mártires do 36”. A Nosa Historia 7. A Nosa Terra. Xullo 1996.


Aprendendo Arqueoloxía: AS ANTAS

ANTA: laxe dun monumento megalítico. Nos arredores de Bustavalle atópase unha “anta” que formou parte dun monumento megalítico. Trátase dunha pedrafita que presenta varias cazoletas e unha acanaladura na parte superior. De data descoñecida, aínda que indudablemente de orixe prerromana, foi reutilizada na Idade Media como marco divisorio entre os concellos de Esgos e Maceda. Na actualidade, posiblemente fose cambiada de postura. Atópase en bo estado de conservación. Cerca do Alto do Couso, en dirección a Bustavalle, a altura da Granxa, cóllese a estrada que vai a Lamas, e a 500m, aproximadamente, no cruce que indica Soutelo, síguese recto pola dereita, e despois dunha recta hai unha curva á esquerda. Atópase a esa altura á man esquerda.


Cómpre salientar que da etapa megalítica o que verdadeiramente se coñece é o referente ao mundo funerario e espiritual, mais pouco sobre o seu hábitat (que non estaría lonxe dos túmulos) o que impide coñecer os seus costumes. Semella que os megaliteiros concedían máis importancia á morte, ao Máis Alá, ca a vida. Do que non cabe dúbida é que a construción destes enterramentos vai a significar a primeira humanización da paixaxe de Galiza, asistindo a unhas transformacións non vistas ata entón co desenvolvemento da agricultura e a gandería, a sedentarización, o aumento da poboación e a especialización, adaptando o Medio ao Home (no Paleolítico era o home o que se adaptaba ao seu entorno). Información extraída de http://onosopatrimonio.blogspot.com (mámoas e antas de Galicia)

ASOCIACIÓN CULTURAL BUSTAVALLE-ZORELLE @bustavalle Correo web: acbustavallezorelle@gmail.com Blog: http://acbustavallezorelle.blogspot.com/ Photoblog: www.flickr.com/photos/ acbustavallezorelle Photoalbum Picasa: http://picasaweb.google.es/ acbustavallezorelle Facebook: “AsociaciónCultural Bustavalle-Zorelle”


As nosas mestras... Non queremos pechar este número tan especial sen lembrarnos de todos aqueles mestres e mestras, profesores de instituto e profesores universitarios, algúns nados en Bustavalle, outros e outras, netas e netos de aqueles alumnos que pisaron as aulas do noso pobo, e que ao longo de décadas, por múltiples e distantes escolas, institutos e universidades contribuiron a formarse como persoas e a enriquecerse culturalmente a tantos nenos e nenas... Nicanor Rodríguez Segade, Perfecto Ferreiro Prol e os irmáns Lola e Jesús Requejo Fernández. Marina Belmonte, Engracia Rodríguez, Angelines Borrajo e os catro irmáns Adolfo, Urbano, Pilar e Carmen Requejo; sumemos a Hilario e Evaristo, bustavallenses de adopción. Toño, Tito, Celsa, Cori, Jordi, Javi, Pablo, Fernando, Sonia, Marta... (e perdón de antemán por se alguén nos quedou atrás) Lembremos, finalmente, as irmáns Marina e Contempla Vidal, nacidas en Zorelle e mestras tamén.

ADIVIÑA, ADIVIÑANZA: neste número tan escolar invitámoste a recoñecer nas fotos da nosa revista a veciños nosos SOLUCIÓNS: no próximo número

O Adro nº12 Mestras  
O Adro nº12 Mestras  

Número correspondente a xullo de 2014. Adicado a analizar distintos aspectos relacionados coa educación en Bustavalle.

Advertisement