Page 1

Nota de Prensa

Coordinadora de Profesionais do Audiovisual Galego _______________________________________

Os profesionais do audiovisual galego advirten do “dano” que causará no sector e na televisión pública o modelo de produción da serie 'El Faro' A Coordinadora de Profesionais do Audiovisual Galego amosa o seu “rexeitamento” ao proxecto televisivo ao obviar os principios que rexen a programación das televisións públicas que a emitirán e ofrecer salarios “moi por debaixo dos prezos actuais do mercado” Esíxeselles ás canles autonómicas implicadas na serie como ás produtoras responsables que “reorienten o proxecto” para que cumpra cos “requisitos laborais e de función de servizo público” esixibles para un ente público A Coordinadora de Profesionais do Audiovisual Galego -constituída pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Asociación de Guionistas de Galicia (AGAG), Asociación de Técnicos do Audiovisual de Galicia (ATEGA) e Asociación de Directores e Realizadores (CREA)- amosou Martes, 16 de xullo.-

hoxe o seu “rexeitamento” ao modelo de produción da serie El Faro, un proxecto financiado nun 50% pola TVG e na que participan case todas as canles da FORTA (Federación de Organismos e Entidades de Radio e Televisión Autonómicos), cuxas características poden supoñer “un grave dano tanto ao prestixio da industria audiovisual como á da nosa televisión pública”. Así o explicaron hoxe na sede de AISGE en Compostela Carlos Ares, da AGAG; Antonio Durán Morris, da AAAG; Jorge Coira, de CREA, e Alberto Díaz Bertitxi, de ATEGA, que en rolda de prensa deron a coñecer un comunicado para amosar a súa “preocupación” ante a citada serie, cuxa produción se encargan as produtoras galegas Agallas Films, Cinemar, Zenit TV e Pórtico. Esta “preocupación” nace ante “o crecente número de denuncias de profesionais de todo o estado” relacionadas con El Faro. Denuncias todas elas referentes a dous aspectos “alarmantes”. O primeiro, que as produtoras ofrecen a técnicos, guionistas e directores “uns salarios moi por debaixo dos actuais prezos do mercado”, rebaixados ademais de xeito “unilateral” por parte das citadas empresas. No caso dos actores, as rebaixas resultan “especialmente significativas”, xa que as condicións “non se aproximan aos mínimos establecidos no convenio laboral”. O segundo aspecto alarmante: que El Faro non se axusta “aos principios de defensa e promoción da lingua e da identidade cultural” polos que se ten que renxer a programación das nosas canles públicas, xa que a serie está ambientada nun contexto no que “deliberadamente se obvia calquera referencia á identidade cultural especifica de cada unha das distintas comunidades”. A Coordinadora considera estas denuncias “xustificadas”, pide “a unidade do sector” para solucionar o problema e esíxelles, tanto as canles implicadas na serie como as produtoras, que “reorienten o proxecto”, de xeito que El Faro cumpra “os mínimos requisitos laborais e de función de servizo público esixibles a calquera produción dunha televisión pública”. “BOMBA DE RELOXERÍA” Durante a rolda de prensa, o representante de Asociación de Actores e Actrices de Galicia, o intérprete Antonio Durán Morris asegurou que este modelo de produción representa un “gran perigo”. “É unha auténtica bomba de reloxería e aínda non sabemos cales serán os efectos que se van producir”, sinalou Morris, antes de cuantificar entre un “30% e un 50%”as rebaixas salariais que ofrecen dende a serie El Faro


Nota de Prensa

Coordinadora de Profesionais do Audiovisual Galego _______________________________________

aos intérpretes . Pola súa banda, Jorge Coira, de CREA referiuse ao “serio risco” que supón esta produción xa que implica a “precarización do sector”. Neste senso, Coira insistiu na necesidade de que a industria audiovisual loite para que en Galicia se produza “por calidade, non por ser máis barato” que noutros lugares. Carlos Ares, representante da Asociación de guionistas, lamentou que a posta en marcha dunha serie, algo que debería ser unha auténtica “alegría” para o audiovisual, se estea a converter nun forte atranco para o sector. Finalmente, Alberto Díaz Bertitxi subliñou que tamén hai outro elemento “alarmante” para o audiovisual nesta produción. “É preocupante a falta de identidade cultural desta produción para as televisións públicas autonómicas”, sentenciou Bertitxi para remarcar os principios que deben rexer a programación deste tipo de canles. Ademais, Jorge Coira quixo deixar claro que a Coordinadora non quere que esta situación se convirta “nun ataque” para ningún profesional do sector. “Entendemos que todo isto nace das circunstancias de fonda crise que vivimos. Nace de aí, pero temos que deixar claro que hai unhas liñas vermellas que non se poden traspasar. Non se pode saltar os convenios de xeito unilateral”, concluíu Coira. Por último, Morris fixo un chamamento para que as intérpretes e os intérpretes asistan a Asemblea Informativa que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) convoca na sede en Santiago da Fundación Autor-SGAE, na rúa Salvadas. Será ás 16.00 horas e nela participarán representantes e avogados de colectivos estatais como FAEE ou OSAEE.

NOTA-DE-PRENSA-COORDINADORA-GAL  

http://aaag.es/wp-content/uploads/NOTA-DE-PRENSA-COORDINADORA-GAL.doc

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you