De latexos e rutas. Santiago e os seus ateliers O camiñante absorto pola pétrea beleza que envolve Santiago de Compostela advirte nas rúas e nas prazas a singular combinación de estilos que habitan cada recuncho da cidade. En calquera lugar se fusionan románico, plateresco, barroco e os seus neoloxismos, creando o que se dá en chamar o «estilo Compostela». Ese corpo das grandes artes arquitectónicas ten vías e rutas polas que transitar. As igrexas e pazos ofrécenlle ao paseante recollemento e tamén os seus tesouros. Os museos con fermosos cadros de temática relixiosa e laica invitan á deleitación. Belos tapices e pezas de ourivaría enchen as salas dos grandes edificios emblemáticos do pasado. E no século XXI as «caixas brancas» cheas da arte de hoxe, con abstraccións, novo figurativo e creacións interdisciplinares encóntranse en cada fragmento do corpo da cidade. Ademais atopamos os latexos do corazón da urbe, as súas xentes que a habitan, os artistas que nela traballan. Nunha ruta de antigos obradoiros de acibecheiros comparten espazo hoxe os herdeiros daquela tradición da pedra negra e outros novos creadores dedicados á pintura, o esmalte ou as pedras duras. Noutra vía de antigos prateiros hai estudios de arquitectura, obradoiros de escultura, casas dedicadas aos centros de informática para crear arte na rede. Mesmo en zonas outrora de venda de panos ou nas rutas dos abastos continúan hoxe esas ofertas, e descubrimos ademais novas e suxestivas invitacións ás artes feitas con materiais efémeros e obxectos creados coa delicadeza do téxtil. En Santiago invítase ao visitante curioso afeccionado á beleza a visitar os estudios dos artistas residentes, para coñecer máis dos «latexos do corazón, a fermosa, vivificante realidade das artes na vida urbana».
Román Padín Otero
11