As letras galegas en la voz de ortigueira

Page 1


As letras galegas en La Voz de Ortigueira (1916-1936) Agora que vexo o título deste curso con algo máis de atención que cando recibín o convite (“O impacto da prensa local na configuración do tecido social e político. O caso de La Voz de Ortigueira”) decátome de que o título desta miña conferencia talvez debera ser outro, porque, efectivamente, se hai un xornal que ten un grande impacto na expresión política da sociedade, ese é o caso de LVO no contexto da sociedade do Partido Xudicial de Ortigueira nos anos vinte e trinta do pasado século, un distrito que comprendía os concellos de Ortigueira, Cedeira, As Pontes, Cerdido, Mañón, Moeche e Somozas, onde só o concello de Ortigueira tiña nese momento máis de 20.000 habitantes. Lembremos que LVO será determinante para que o movemento agrarista ortegano encadrado dentro da “Federación Agraria de Ortigueira” acade tamén os seus propósitos políticos: o poder local, a través de Jesús Fojo Díaz, que obtén a Alcaldía de Ortigueira en 1931, e a representación política da comarca nas Cortes e no Goberno do Estado a través de Leandro Pita Romero, que é elexido deputado nas eleccións ás Cortes Constituíntes o 28 de xuño de 1931, reelexido en 1933 e nomeado varias veces ministro -o máis novo da II República- a partir dese momento, ocupando varias carteiras (ministro da Mariña en 1933, do Estado en 1934, sen carteira e embaixador acreditado da República na Santa Sede). Todo iso sería impensábel sen a influencia de LVO sobre a sociedade desta comarca e dese tempo, sen o labor xornalístico de Jesús Fojo durante todos eses anos para dotar ao agrarismo ortegano de peso político. Eu non sei se o periódico se fundou o 4 de xuño de 2016 con eses obxectivos políticos -desde logo no editorial do primeiro número non aparecen, todo o contrario: “¿Nuestra política? Ninguna”, di o editorial dese primeiro número- pero o que si é certo é que Jesús Fojo e Leandro Pita Romero, que eran grandes amigos e homes moi intelixentes, si decidiron nun determinado momento aproveitar o poder da prensa local para darlle expresión política ao movemento agrario ortegano, tanto no Concello de Ortigueira como nas Cortes españolas. Mais eu, como ben poden comprobar, escollín outro tema e supoño que esta cuestión, tan importante neste curso de verán, xa foi ou será abordada por algún outro conferenciante, e con máis profundidade que coa que eu podería tratar o tema. Realmente eu optei por falar hoxe aquí da presenza das letras galegas en LVO porque esa foi a razón pola que accedín unha e outra vez á hemeroteca privada de don David Fojo Salgueiro, primeiro para investigar sobre o escritor ortegano Ramón Armada Teixeiro na prensa ortegana da época, e logo para analizar o tratamento da


lingua e da literatura galegas nas páxinas de LVO entre 1916 e 1936, o que me permitiu ver tamén toda a colección do periódico, un traballo que se completaba cada día cunha interesantísima e deliciosa conversa co propio don David, que sempre ampliaba datos, recordaba historias, contaba anécdotas ou mesmo achegaba outros documentos que tiña na súa biblioteca. Antes ca min xa pasaran pola hemeroteca da Imprenta Antonio Rivera Losada -cando aínda vivía Jesús Fojo-, Vicente Peña Saavedra e Ánxel Rosende, os tres buscando a información e a documentación que precisaban para os seus traballos de carácter intelectual ou académico. Antonio Rivera fixera ese traballo de investigación na Imprenta para elaborar unha ampla reportaxe sobre Ortigueira e a súa prensa, que se publicou nun folleto, con varios traballos máis, en 1956, e que constitúe a primeira aproximación á historia da prensa ortegana. Para os que tivemos a sorte de atopar na casa dos nosos pais ou dos nosos avós aquela publicación -eu atopeina na casa de miña avoa materna, na Madalena-, o traballo de Rivera Losada foi a primeira visión que moitos poidemos ter dese rico patrimonio periodístico. O que me levou a min en 1986 a centrarme nas letras galegas en LVO entre 1916 e 1936, nese período histórico tan importante para Ortigueira e para Galiza, foi a miña curiosidade por saber se Leandro Pita Romero, que é membro das Irmandades da Fala desde a aparición deste movemento nacionalista, pon tamén o xornal que dirixía o seu amigo Jesús Fojo ao servizo da defensa da lingua galega, e quería eu saber igualmente se a propia evolución ideolóxica e política de Pita Romero durante os anos trinta tiña, así mesmo, o seu reflexo nun menor compromiso de LVO coa causa das Irmandades da Fala e do nacionalismo galego en xeral. Recordemos que Leandro Pita Romero participa xa como orador, con só dezaoito anos, o 13 de maio de 1917, no segundo mitin que organizan as Irmandades da Fala, que se celebra en Santiago de Compostela, no salón de actos da Sociedad Económica de Amigos del País, un acto que está presidido por don Salvador Cabeza de León e no que interveñen, ademais do propio Leandro Pita Romero, Antón Vilar Ponte, Castelao, Lois Peña Novo, Lugrís Freire e Victoriano Taibo, entre outros. Recordemos tamén que algúns meses despois, a fins de novembro de 1917, Leandro Pita Romero forma parte da delegación das Irmandades da Fala que protagoniza a “Semana Galega en Cataluña”, xunto con persoeiros como Antón e Ramón Vilar Ponte, Lois Porteiro Garea, Lois Peña Novo, Antón Losada Diéguez ou Aurelio Ribalta. Alí, na capital catalana, Leandro Pita Romero pronuncia unha conferencia no Ateneo Barcelonés sobre “A percusión nacionalista na literatura galega”, “un texto único na historia da crítica galega”, segundo Xesús González Gómez, responsábel da súa recuperación e da súa tradución do catalán, idioma no que fora publicado en 1919, xa que ese traballo “demostra que estariamos, e de verdade o estamos, ante o primeiro crítico de


tendencia positivista-científica (é dicir, comtiano) da e na literatura galega”. Por certo, nesa delegación das Irmandades que viaxa a Catalunya en 1917 vai outra persoa vencellada Ortigueira: Micaela Chao Maciñeira, que era esposa de Antón Vilar Ponte, a única muller presente na xuntanza fundacional das Irmandades da Fala e a persoa que impulsou a Sección Femenina das Irmandades, na que se se integrarán pouco despois as súas irmás Tereixa -que casou con Ramón Vilar Pontee Carme. Outro dato de relevancia na biografía de Leandro Pita Romero que queremos lembrar antes de entrarmos nas páxinas de LVO é a súa achega á prosa galega, seguramente -como sospeitou no seu día don Ricardo Carvalho Calero- a través da tradución dun texto escrito orixinalmente en castelán. Mais o caso é que en lingua galega Leandro Pita Romero publicou O Anarquista, na editorial Lar, en 1924, facendo o número 2, unha noveliña de 34 páxinas que demostra claramente as extraordinarias capacidades narrativas do autor ortigueirés e que se centra tematicamente na descrición dos abusos do caciquismo, con constantes alusións ás desigualdades sociais. Esta novela, felizmente, viu de novo a luz en edición facsimilar en 2010 cun interesante prólogo de Ramón Villares. Aproveito este dato para expresar a miña enorme satisfacción por sermos capaces de recuperar nas últimas décadas algunhas das obras fundamentais das figuras máis ilustres destas terras do Ortegal, pois na miña adolescencia nin sequera sabiamos da existencia desas obras nin dos seus autores. Esa foi precisamente unha das miñas preocupacións naqueles meus anos mozos de Ortigueira nos que todo estaba por descubrir, por escribir e por reeditar e no que tanto apoio atopamos todos en don David Fojo Salgueiro, unha das persoas ás que eu máis lle debo, tal como explico nunha emocionada semblanza que poderán ler no próximo número da revista Terras do Ortegal. Hoxe, afortunadamente, temos reeditados libros moi importantes de Ramón Armada Teixeiro, Federico Maciñeira e Leandro Pita Romero, ademais de contarmos con diversos e valiosos traballos que tanto nos ilustran sobre o noso pasado históricocultural, e onde eu aínda sigo a botar en falta un traballo profundo sobre Leandro Pita Sánchez-Boado, unha das grandes figuras que iluminan un dos capítulos máis brillantes da historia política, social e económica de Ortigueira. Aí queda o convite, por se alguén se anima. Cónstame que no seu día Ánxel Rosende tíñao entre os seus proxectos pendentes. Ben, todas estas referencias a Leandro Pita Romero eran precisas para vermos logo se o vencello intelectual e político de Pita Romero coas Irmandades da Fala se manifesta no periódico que dirixe desde 1916 en Santa Marta de Ortigueira o seu íntimo amigo Jesús Fojo e para comprobarmos se o compromiso de LVO co galego sigue sendo igual unha vez que Leandro Pita Romero abandona a súa militancia activa no movemento nacionalista e se incorpora, primeiro, ao republicanismo de Santiago Casares Quiroga, e posteriormente, ao centro-dereita de Martínez Barrio e de Alejandro Lerroux. Seguramente -xa o adiantamos agora- LVO acabará por ser máis fiel ás ambicións políticas de Leandro Pita Romero que ao compromiso coa lingua e


coa literatura galega, a pesar de ser considerado o periódico ortegano un xornal “amigo” do periódico nacionalista A Nosa Terra. LVO presentouse hai un século no panorama da prensa ortegana sob o lema “Semanario defensor dos intereses xerais de Ortigueira e a súa comarca” e segundo proclama o periódico no editorial do nº 1, a publicación vai prestar preferente atención aos temas agrarios, sen ignorar a industria pesqueira, a pedagoxía e, por suposto, as noticias que se produzan en todo O Ortegal. “A nosa política? Ningunha”, di o primeiro número. E engade: “Nós non podemos facer política porque non a sentimos. Aspiramos a facer país”. A verdade é que, á luz do papel que logo xogou LVO, pouco ten a ver esta declaración de principios coa realidade. O propio don David dicía sempre que o periódico nacera con obxectivos políticos moi concretos: conseguir o apoio da sociedade para conquistar o poder local e a representación política da comarca nas Cortes do Estado. E abofé que o conseguiron. Como indica Luís Celeiro no estudo que fixo no seu día sobre LVO, “Jesús Fojo e Leandro Pita estaban nestes anos metidos de cheo na dinámica política e utilizaban o xornal, á marxe dos principios definidos na presentación do primeiro número, para conseguir logros políticos”. E, desde logo, o periódico tivo un grande contido político, sobre todo tras acadar Jesús Fojo a alcaldía de Ortigueira e Leandro Pita Romero a acta de deputado en Madrid. É frecuente atopar discursos íntegros de Leandro Pita Romero nas Cortes, incluso se ampliaba o número de páxinas e se dedicaban catro das oito páxinas do semanario ao discurso político de Pita Romero. E xa na campaña electoral de 1936, Pita Romero, agora definitivamente alonxado de Santiago Casares Quiroga, aparecerá en titulares todas as semanas, co seu programa republicano de centro. LVO aparece, pois, o mesmo ano que nace o boletín A Nosa Terra e se pon en marcha o movemento das Irmandades da Fala. Mais o semanario ortegano non é, evidentemente, unha publicación nacionalista. Polo tanto as letras galegas en LVO ocuparán un espazo totalmente cultural. O idioma galego é neste periódico -como en tantos outros- a lingua na que escriben os literatos, pero non o idioma da información xeral, o idioma no que se fala do agro, da industria ou da política ou no que se fai a publicidade. O fenómeno da diglosia está perfectamente reflectido nas páxinas de LVO. Ora, non por iso deixa de merecer unha lectura da súa contribución á promoción da lingua galega no momento no que precisamente nacen as Irmandades da Fala. Durante os vinte primeiros anos, e polo que respecta ás letras galegas, LVO ten tres etapas claramente distintas: a que vai de 1916 a 1924, unha segunda que coincide máis ou menos coa Ditadura de Primo de Rivera e, finalmente, a época da II República. No primeiro período LVO publica 117 colaboracións en galego. Practicamente todos os traballos son de creación literaria e só 12 están escritos en prosa. A poesía é o


xénero rei. En canto á autoría dos textos hai que dicir que unicamente 6 traballos son de autor coñecido no panorma da cultura galega: catro poemas e un texto en prosa de Victoriano Taibo e un conto de Lugrís Freire. O resto son colaboracións de autores descoñecidos, a maioría deles poetas locais, entre os que destaca Agusto Pérez Gómez, que en numerosas ocasións usa os seudónimos Xan do Outeiro, Farruco do Mosteiro, o Bruxo dos Aguillóns e Fungueirazos. Augusto é esencialmente un bo versificador. Nos seus versos predomina o costumismo e a poesía descritiva e narrativa. Non obstante, nos anos das Irmandades da Fala, Augusto Pérez Gómez publica en LVO dúas composicións de orientación claramente nacionalista, “Rexurdimento” e “¡Xuventude!”, esta última dedicada a Leandro Pita Romero, que naquel tempo militaba nas Irmandades da Fala. O poema di así: ¡Baruda xuventú! Xa o día postreiro chega Pros verdugos da pátrea esnaquizada; Comenzando o fragor da loita cega Baixo a bandeira da nazón ferida.

¡Céltica raza! Mocedá xigante… Onde latexa a redención galega, Érguete forte, xuventú trunfante, E dos caciques comenza a sega.

Pronto a loitar, baruda mocedade, Polo rexurdimento e a santa libertade Da terra escarnecida por Castela…

Erguede as fouces, mocedá de aceiro; Coa fouce erguida e con ardor guerreiro Fortes loitar hastra morrer por ela. Se na primeira etapa o que predomina é a poesía e o autor descoñecido, na segunda época sucede todo o contrario: é a prosa e o escritor coñecido o que ocupa un lugar de privilexio nas letras galegas que se publican en LVO. O período que coincide máis ou menos coa Ditadura de Primo de Rivera é a etapa máis importante, cuantitativa e


cualitativamente. Hai que recordar que neses mesmos anos é cando se produce a eclosión da narrativa galega, cando nace a Editorial Lar, da man de Leandro Carré e Ánxel Casal, cando Leandro Pita Romero escribe e publica O Anarquista e cando os principais persoeiros da Irmandade da Coruña dan o paso de se integrar na ORGA de Casares Quiroga, con Antón Vilar Ponte á cabeza. É neste contexto político onde, de 141 traballos publicados en galego en LVO, 108 están escritos en prosa e 100 son de firmas de relevancia intelectual. Por suposto, non sempre son colaboracións. Algúns textos xa se publicaran previamente en libros e mesmo hai traballos de escritores que xa morreran. Pero isto non ten demasiada importancia. O dato de valor é que LVO publica durante esta época un bo número de traballos de persoeiros da cultura galega. Ademais de Curros Enríquez, Eduardo Pondal e Ramón Armada Teixeiro, o semanario ortegano publica textos de Ramón Cabanillas, Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Ben-Cho-Shey, Victoriano Taibo, Rafael Fernández Casas, Avelino Rodríguez Elías, Leando Carré, Eladio Rodríguez González, Portela Valladares, etc.. De todos estes escritores, o autor mellor tratado e máis apreciado por LVO é o poeta compostelano Victoriano Taibo, que -recordemos- foi mestre varios anos na escola de Ponte de Mera, creada polos emigrantes en Cuba. Nese momento, cando Taibo chega ás terras de Ortigueira, xa tiña unha estreita relación con Leandro Pita Romero, pois os dous formaban parte da Irmandade da Fala compostelana e interviran tamén o 13 de maio de 1917 no acto que tivo lugar en Santiago para celebrar o primeiro aniversario das Irmandades. Victoriano Taibo casará en setembro de 1929 na igrexa de Mera con Carme Rebollar, irmá de Alfredo Rebollar, que logo sería Alcalde de Ortigueira. Taibo creará tamén a Irmandade da Fala de Mera e espallará os postulados nacionalistas en diferentes actos en toda a comarca, acompañandoo neste labor propagandístico Xaime Quintanilla e lois Peña Novo, que interveñen en Cuiña, Mera, San Adrián e San Claudio. Cando Taibo chega ás terras de Ortigueira a comezos de xaneiro de 1918 para exercer de mestre na parroquia de Santiago de Mera, LVO xa publica unha longa semblanza do escritor. Posteriormente o periódico ortegano publica traballos del en diversos números e recolle tamén unha crónica dunha conferencia de Taibo en Ortigueira, outra crónica dunha charla súa en Cariño, un artigo no que se informa do seu regreso a Compostela, unha recensión crítica do seu libro Da vella roseira e unha semblanza-apoloxía de Taibo, da autoría de Rafael Fernández Casas. Entre os textos de Victoriano Taibo publicados nas páxinas de LVO atopamos un poema escrito á morte de Lois Porteiro Garea, fundador e ideólogo do movemento das Irmandades da Fala, e este outro fermosísimo poema, “Ai, meu amor!”: -Sentada na miña porta, á labarada do sol,


vin pasar un cabaleiro, ai, meu amor! nun cabaliño andador. Qué carreira leva! Para ónde irá? Se é que vai pra guerra pode non tornar. -O garrido cabaleiro do cabaliño andador leva a desgracia aniñada, ai, meu amor! no medio do corazón. Vai cabo da noiva que chorando está. Antes de ir pra guerra hanse de casar! -Deus protexa a namora, e que o seu dono e señor torne axiña pros seus brazos, ai, meu amor! no cabaliño andador. Que volte con vida, que faga o seu niño, que escoite o algareo dos seus picariños. Ai qué tristura, ai qué dor, ver segar unha roseira cando vai a da-la flor!


Tras a viaxe que fan a pé no verán de 1927 a San Andrés de Teixido os orensáns Ramón Otero Pedrayo, Ben-Cho-Shey e Vicente Risco, os tres ilustres autores escriben expresamente colaboracións para LVO. Por certo, no artigo que escribe don Ramón Otero Pedrayo reivindica unha administración municipal de seu para o porto pesqueiro de Cariño, é dicir, un concello propio, iso en 1927. Así mesmo, coincidindo coa estancia de Ben-Cho-Shey en Cariño, o semanario ortegano ofrece poemas e prosas deste escritor en varios números do periódico. Nas páxinas de LVO atopamos igualmente varios contos de Castelao, catro poemas de Ramón Cabanillas e medio cento de textos narrativos de Avelino Rodríguez Elías. Os contos deste autor, publicados na sección “Contistas galegos”, seguramente ensinaron a ler no noso idioma a moitas persoas desta comarca. Como podemos observar, LVO da época da Ditadura de Primo de Rivera abre as súas follas ás figuras máis destacadas da intectualidade galega dese momento e presta unha grande atención á prosa en galego. E non só iso. Incluso fai unha dura crítica á Ditadura botando man duns versos de Pondal: Déspotas insensatos, Forxá, forxade grillos; Pode oprimir o ferro Un corpo enfraquecido; Mais as nobres ideas E groriosos instintos… Eses… non pode, non, o duro ferro nin a morte extinguilos! LVO dos anos da II República é, pola contra, un periódico moi pobre en colaboracións en galego. Desde comezos de 1931 até os derradeiros días de 1936 LVO publica 23 textos en galego. A diferenza coas etapas anteriores é, xa que logo, notábel. Lembremos que na primeira época contabilizamos 117 e 141 na segunda. Mais non só é o número o que sorprende. Sorprende tamén que en LVO dos anos trinta apenas haxa sinaturas de prestixio do ámbito galeguista. E a explicación deses dous feitos, é dicir, do baixo número de colaboracións en galego e da ausencia de traballos de intelectuais galeguistas, está, sen dúbida algunha, na evolución ideolóxica do político ortegano Leandro Pita Romero.


O que si hai que destacar é que tras xullo do 36 LVO publique un escrito de Victoriano Taibo ou que nos derradeiros días dese mesmo ano o periódico anuncie a aparición do libro Fala das Musas, de Daniel Pernas. Ben saben vostedes que na Imprenta Fojo foi onde se publicou este libro do presbítero Daniel Pernas Nieto, con prólogo de Álvaro Cunqueiro. Non esquezamos que os dous paraban na mesma pensión, aquí moi perto, na Praza das Tres Farolas. E ben saben vostedes igualmente que este libro de Daniel Pernas Nieto foi o primeiro que se editou en Galiza en lingua galega tras o estalido da guerra. E xa para concluír esta análise dos vinte primeiros anos de LVO imos facer tres reflexións: 1º.- LVO reflicte claramente o fenómeno da diglosia: mentres que a política, o movemento social, a economía, a agricultura, a educación, o deporte, a información xeral ou a publicidade ten como vehículo o castelán, o galego só se usa no campo da cultura. 2º.- O semanario ortegano é un espello da biografía política de Leandro Pita Romero: LVO ofrece traballos de coñecidos escritores galegos cando Pita Romero mantén relación de amizade e relación política cos homes do galeguismo e logo, unha vez que se alonxa dos nacionalistas das Irmandades da Fala e dos republicanos de Casares Quiroga, LVO dá á luz moi poucos textos en galego e, por suposto, non está ao servizo dos persoeiros do Partido Galeguista. E 3º.- A pesar de todo, e por ser sempre unha publicación aberta ao idioma galego, por recoller nas súas páxinas durante a década dos vinte textos das máis destacadas figuras do noso país e por contribuír desde un medio local/comarcal á promoción da nosa lingua e da prosa galega, non dubidamos en calificar a LVO da preguerra, e sobre todo LVO da época da Ditadura de Primo de Rivera, como un periódico positivo para a normalización do noso idioma e para a difusión da cultura galega naquel contexto social e político no que se estaba a construír con tanto entusiasmo e tanta esperanza un futuro diferente para Galiza, que tiña como primeiro chanzo a aprobación do Estatuto de Autonomía, un proxecto que tamén foi defendido en 1934, na primeira plana de LVO, a través da reprodución dun artigo do propio Alexandre Bóveda.


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.