O GALEGO NA PRENSA DIXITAL

Page 326

Martes 08.02.2011

Tres días para Galicia en Kerry A cultura e a lingua galegas foron recibidas no condado irlandés co agarimo, interese e respecto que merecen, na edición anual do Eigse na Brídeoige, dedicado este ano á nosa comunidade JOSÉ MIGUEL GIRÁLDEZ

Isaac Xubin, profesor en Cork FOTO: AXENCIAS

Había uns tres anos que o poeta irlandés Paddy Bushe quería irmandar as costas do Oeste de Irlanda coas de Galicia. A tradición fala dun pasado en común, ben coñecido. Amergin, o poeta e druída, chegou ás costas de Waterville, no condado de Kerry, un dos puntos máis occidentais de Europa, e, tras superar a tormenta e a furia do Atlántico, logrou desembarcar. Foi a orixe da estirpe dos irlandeses: o desembarco dos milesios, ou os fillos de Míl. Non importa se a fermosa historia de Amergin é realidade ou lenda, porque a nova etapa de relacións culturais que Paddy Bushe quere inaugurar entre Galicia e estas terras do oeste de Irlanda si é totalmente real. E xa está en marcha. Ninguén diría que na pequena vila de Waterville, a poboación da auga, hai enerxía para facer tantas cousas. As costas ás que supostamente chegou Amergin desde Galicia son hoxe tan bravas e neboentas como entón. Unha gran praia dálle a benvida ao visitante, cunha ondada máis que notable.


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.